Palas de Rei abre as inscricións para a ruta de sendeirismo das Torrentes de Mácara

Palas de Rei acollerá o sábado 19 de setembro a ruta de sendeirismo das "Torrentes de Mácara", incluída no programa Goza do Ulla, unha iniciativa que organiza andainas polos municipios atravesados polo río Ulla, con case unha vintena de percorridos desde o seu nacemento ata a desembocadura.
A ruta percorrerá o río Ulla ao seu paso polas Torrentes de Mácara, cun percorrido que comezará no antigo Balneario de Frádegas e chegará ata a desembocadura do río Pambre no Ulla. Neste tramo, os participantes atoparanse cun pequeno canón entre formacións de granito, con numerosos rápidos e pequenas fervenzas, ademais de árbores de formas irregulares e grandes rochas que deberán atravesar ao longo do itinerario.
A actividade completarase cunha visita ao Castelo de Pambre, outro dos puntos de interese incluídos na xornada.
As persoas interesadas en participar poden realizar as inscricións nas dependencias do Concello de Palas de Rei ou solicitar máis información a través do teléfono 982 380 001.