Palas de Rei abre unha ventá á súa memoria para os peregrinos da man de Cruz Vermella

LugoXa
A iniciativa "Contigo no Camiño, non todo é camiñar" promoveu un encontro interxeracional para dar a coñecer a cultura e as tradicións locais
cantina-social-Cruz-Vermella-Palas-de-Rei
5 Aug 2026

Palas de Rei converteuse nun espazo de intercambio cultural grazas á iniciativa de Cruz Vermella "Contigo no Camiño, non todo é camiñar", un proxecto que busca achegar ás persoas peregrinas a realidade social, cultural e humana dos municipios polos que transcorre o Camiño de Santiago.

A actividade reuniu a visitantes procedentes de diferentes países con veciños e veciñas da localidade, especialmente persoas maiores, que compartiron lembranzas, experiencias e tradicións ligadas á vida cotiá doutras épocas. A través das súas historias, os participantes puideron coñecer como era a infancia décadas atrás, os xogos cos que medraban os nenos e nenas, os tradicionais pizarríns empregados nas escolas e os cambios experimentados no ensino coa chegada das novas tecnoloxías.

A xornada desenvolveuse nun ambiente próximo e participativo, favorecendo o diálogo entre persoas de diferentes xeracións e procedencias. As conversacións permitiron descubrir semellanzas e diferenzas entre culturas, convertendo o encontro nunha experiencia enriquecedora tanto para os peregrinos como para a veciñanza.

A proposta forma parte dun programa máis amplo impulsado por Cruz Vermella que integra a Cantina Social e outras accións de dinamización comunitaria, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio inmaterial dos territorios polos que discorre a ruta xacobea.

A música tradicional galega puxo o punto final á actividade. Ao ritmo dunha muiñeira, persoas maiores e peregrinos compartiron baile e celebración, nun exemplo de como a cultura popular continúa sendo unha ferramenta de unión e entendemento entre pobos.

Con este tipo de iniciativas, Cruz Vermella pretende destacar que o Camiño de Santiago é tamén unha oportunidade para coñecer as historias, a memoria e as persoas que dan vida ás localidades que reciben cada ano milleiros de camiñantes.

0.13140392303467