Palas de Rei acolle as xornadas científicas Pint of Science en bares do 18 ao 20 de maio

LugoXa
Serán tres xornadas con relatorios sobre saúde, medio ambiente e sociedade en locais da vila a partir das 19:30 horas
Pint-of-Science
8 May 2026

Palas de Rei converterase nun punto de encontro entre ciencia e cidadanía coa celebración das xornadas Pint of Science entre os días 18 e 20 de maio, unha iniciativa internacional que leva o coñecemento científico aos bares nun formato accesible e próximo. As sesións desenvolveranse en diferentes locais da vila a partir das 19:30 horas.

A programación arrancará o luns 18 no establecemento Zendoira, situado na rúa Amado Losada, 10. Nesta primeira xornada abordaranse cuestións como as superbacterias coa charla “Virus bos fronte ás superbacterias”, a cargo de Isidro García Meniño; tamén se tratará “Érase unha vez un oligoelemento perdido en Galicia”, por Marta I. Miranda Castañón; e completarase a sesión con “Por que os ríos non nos obedecen?”, impartida por Horacio García, todos eles vinculados á Universidade de Santiago de Compostela.

O martes 19 será a quenda do local Eira, na rúa da Igrexa, 2, onde se desenvolverán relatorios centrados en ámbitos como o medio ambiente e a saúde. Joel Rodríguez Ruiz falará sobre o sector forestal e os mercados de carbono, mentres que Elena Lendoiro Belío abordará o análise do pelo en toxicoloxía forense. Pola súa banda, Jesús Mateos Martín explicará o que as proteínas revelan sobre a saúde, desde o envellecemento ata o cancro, neste caso desde o Servizo Galego de Saúde.

A programación pecharase o mércores 20 no establecemento Km 66, situado na rúa Cruceiro, 11. Nesa xornada, Marta Veiga Izaguirre ofrecerá unha charla sobre as xenealoxías do leite; Carlos Toural Bran analizará a relación entre democracia, desinformación e algoritmos; e Mar Pérez Fra centrará a súa intervención na reinvención do rural en feminino a través dos relatos tradicionais.

Estas xornadas buscan achegar a ciencia ao público xeral nun ambiente distendido, facilitando o diálogo directo entre investigadores e asistentes fóra dos espazos académicos tradicionais.

0.13004183769226