Palas de Rei acollerá a I Marcha Cicloturista BTT en abril de 2026

O Concello de Palas de Rei anunciou a I Marcha Cicloturista BTT, que se celebrará o 11 de abril de 2026, xusto a semana seguinte á Semana Santa, co obxectivo de situar o municipio no mapa do cicloturismo galego e dinamizar a economía local.
A proba permitirá aos participantes percorrer camiños, corredoiras e paisaxes do interior galego, ao mesmo tempo que visitan lugares emblemáticos como o Castelo de Pambre, unha das fortalezas mellor conservadas de Galicia, e a igrexa románica de Vilar de Donas, referente no Camiño de Santiago.
O alcalde, Pablo Taboada, convidou a veciños e afeccionados de toda Galicia a marcar a data no calendario e a gozar dunha xornada que combinará deporte, natureza, cultura e convivencia.