Palas de Rei acollerá un curso sobre a análise sensorial dos queixos galegos
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar a semana que vén en Palas de Rei un curso de iniciación á análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP).
Será os días 8 e 10 na casa de turismo rural Arqueixal en horario de 16:00 a 21:00 horas e o obxectivo principal deste curso é formar na análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida. Está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Así, ao longo das 10 horas de formación, a acción combinará unha parte teórica cunha práctica. Na parte teórica presentaranse os queixos das catro DOP galegas (Tetilla, San Simón da Costa, Arzúa-Ulloa e Cebreiro) e, na parte práctica, ensinaráselles aos alumnos a recoñecer os queixos segundo as distintas características específicas de cada unha das variedades.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.
Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 997 279.