Palas de Rei acolleu a primeira reunión anual da Mesa de Coordinación contra a Violencia de Xénero

A primeira reunión anual da Mesa técnica de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero de Palas de Rei celebrouse no Salón de Plenos da Casa Consistorial co obxectivo de reforzar a coordinación entre profesionais e institucións implicadas na prevención e intervención fronte á violencia machista.
Esta Mesa de Coordinación Interinstitucional estivo presidida polo alcalde de Palas de Rei e contou coa participación da psicóloga do CIM como secretaria. No encontro tamén estiveron representados o Centro de Saúde de Palas de Rei, o CEIP de Palas de Rei, o IES do Camiño, a Garda Civil, incluíndo un axente do Equipo Viogén da Compañía de Lugo, así como a directora e o avogado do CIM e as traballadoras sociais dos Servizos Sociais municipais.
A finalidade principal desta Mesa Técnica de Traballo é construír un marco estable de coordinación e análise compartida entre os distintos profesionais, favorecendo o intercambio de coñecementos, valoracións e experiencias de intervención. Ademais, o órgano busca impulsar actuacións conxuntas que permitan deseñar, reforzar e aplicar medidas eficaces na prevención da violencia de xénero e na promoción da igualdade efectiva.
Desde a organización destacouse que a participación de profesionais de diferentes ámbitos resulta especialmente relevante, xa que a pluralidade de enfoques, competencias e experiencias contribúe a unha comprensión máis ampla da realidade e facilita o desenvolvemento de respostas integrais, coordinadas e de maior alcance fronte á violencia machista.