'Palas de Rei camiña pola Igualdade: Muller nin + nin -', o lema polo 8M

LugoXa
Cun amplo programa, Palas de Rei pon en marcha unha serie de actividades para reflexionar, sensibilizar e, sobre todo, reivindicar a igualdade de xénero
8M-Palas-de-Rei
27 Feb 2025

Palas de Rei conmemorará o 8M Día Internacional da Muller co lema 'Palas de Rei camiña pola Igualdade: Muller nin + nin -', onde se desenvolverán diversas actividades de sensibilización e reivindicación pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

O programa de actividades comezará o 6 de marzo, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura do Concello, onde se representará a obra de teatro 'Golpes'. Esta función, dirixida ao alumnado do IES de Palas de Rei, busca sensibilizar sobre a violencia de xénero a través dun espectáculo pedagóxico protagonizado por Estíbaliz Veiga.

O 7 de marzo, venres, terá lugar a V Marcha pola Igualdade, cun desfile co lema 'Pola Igualdade Real!!! Muller nin máis, nin menos'. A marcha partirá da Praza do Concello ás 11.45 horas, percorrendo as rúas ata a Praza da Ulloa.

A iniciativa contará coa participación do alumnado do Colexio e do Instituto de Palas de Rei, así como do seu profesorado e da veciñanza que se queira sumar á reivindicación por igualdade legal e real. A actividade busca visibilizar os retos en materia de igualdade, como a conciliación, a fenda salarial, os teitos de cristal e a violencia machista.

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a programación continuará ás 20.00 horas na Casa da Cultura coa representación da obra de teatro 'O Xuizo' a cargo da Compañía Metátese Teatro. Esta función, de temática social e reflexiva, tamén servirá para concienciar e reivindicar os dereitos das mulleres.

O ciclo de actividades rematará o 11 de marzo ás 12.00 horas no IES do Camiño cun Obradoiro sobre Relacións Saudables, dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO e de FP.

Neste obradoiro, impartido por residentes de medicina do centro de saúde de Palas, traballarase a través de dinámicas participativas o plano afectivo-sexual, promovendo relacións sanas e seguras tanto a nivel emocional como físico.

Con este amplo programa, Palas de Rei pon en marcha unha serie de actividades para reflexionar, sensibilizar e, sobre todo, reivindicar a igualdade de xénero e os dereitos das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.1540629863739