Palas de Rei celebrará o 21 de novembro a VIII Andaina contra a Violencia de Xénero ata o Castelo de Pambre

Palas de Rei celebrará o sábado 21 de novembro a VIII Andaina contra a Violencia de Xénero ata o Castelo de Pambre, unha iniciativa organizada con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora cada 25 de novembro.
A actividade busca combinar deporte e solidariedade para visibilizar a violencia de xénero e amosar o compromiso colectivo coa súa erradicación. Baixo o lema "Palas de Rei di non á violencia de xénero", a marcha pretende denunciar as distintas manifestacións desta lacra social e promover valores como o respecto e a igualdade entre homes e mulleres.
As persoas participantes sairán ás 11:00 horas diante do Concello de Palas de Rei, situado na avenida de Compostela, número 28, e percorrerán os oito quilómetros que separan a praza do Concello do Castelo de Pambre. O itinerario atravesará as parroquias do Carballal, Curbián, A Ulloa e Sambreixo, ata rematar nesta fortaleza, un dos símbolos patrimoniais da vila e da comarca da Ulloa.
Desde o Centro de Información á Muller (CIM) de Palas de Rei animan a participar na andaina tanto á veciñanza do municipio como á doutros concellos, así como a asociacións e colectivos interesados en sumarse a esta iniciativa reivindicativa.
A inscrición é gratuíta e debe realizarse previamente nas dependencias municipais ou no CIM de Palas de Rei. Para obter máis información ou formalizar a participación, as persoas interesadas poden chamar ao 982 380 003, do CIM, ou ao 629 324 528, de Cultura.
Unha vez rematada a marcha no Castelo de Pambre, a organización facilitará transporte gratuíto para trasladar as persoas participantes ata o punto de saída, diante da Casa do Concello.
Nesta oitava edición, a iniciativa conta coa colaboración do grupo empresarial Jim Sports, con sede en Palas de Rei, que se suma á convocatoria para apoiar o deporte e a igualdade e contribuír á construción dunha sociedade libre de violencia de xénero.