Palas de Rei celebrará o 25 de setembro a Festa dos Maiores

O Concello de Palas de Rei celebrará o vindeiro venres, 25 de setembro, unha nova edición da Festa dos Maiores, unha xornada dedicada aos maiores naturais do termo municipal.
O encontro terá lugar no Pavillón do Polideportivo Municipal dos Chacotes e contará coa participación dos maiores do municipio. Para asistir, será necesario confirmar previamente a presenza ata o 23 de setembro nas dependencias do Concello de Palas de Rei ou a través do seu pedáneo ou pedánea.
A celebración dará comezo ás 13:00 horas cunha misa solemne. A continuación, os asistentes poderán desfrutar dun menú variado e de animación musical ao longo da xornada.
Ademais, durante o evento entregaranse agasallos ao home e á muller de maior idade presentes na Festa dos Maiores.