Palas de Rei celebrará o Entroido os días 3 e 4 de marzo con actividades para toda a familia

O Concello de Palas de Rei organizará unha gran festa para conmemorar o Entroido 2025, que se celebrará os días 3 e 4 de marzo, con actos programados na Praza do Concello. A programación incluirá actividades para os máis pequenos e un esperado concurso de disfraces con suculentos premios.
O luns, 3 de marzo, terá lugar o Entroido Infantil, unha xornada pensada para os nenos e nenas, que poderá disfrutar de xogos inchables e unha merenda. Unha oportunidade para que os máis pequenos se divirtan e celebren esta tradición popular.
O martes, 4 de marzo, festivo local, chegará o momento máis esperado: o Concurso de disfraces, no que o Concello de Palas de Rei repartirá un total de 1.120 euros en premios.
O concurso dividirase en tres categorías: individual, grupos de ata 5 persoas e categoría de grupos, sendo cada unha delas premiada con tres premios. Ademais, para fomentar a creatividade, outorgarase un premio especial á orixinalidade, ao que poderán optar todas as categorías participantes.
As inscricións para o concurso poderán realizarse no Departamento de Cultura do Concello de Palas de Rei, onde os interesados poderán formalizar a súa participación ata o 3 de marzo.
Con esta programación, Palas de Rei promete unha festa do Entroido de 2025 chea de diversión, tradición e premios para todos.