Palas de Rei contará cunha nova zona de baño no entorno do parque empresarial

LugoXa
A instalación, impulsada polo Grupo Jim Sports en colaboración co Concello, supuxo un investimento superior aos 1,4 millóns de euros e poderá abrir ao público a finais desta tempada ou o próximo ano
piscina-Palas-de-Rei
24 Jul 2026

Palas de Rei disporá dunha nova zona de baño habilitada no entorno do parque empresarial unha vez rematen os traballos de acondicionamento das instalacións. A previsión é que o recinto poida abrir ao público xeral a finais desta tempada ou, no seu defecto, durante o próximo ano.

O proxecto, promovido polo Grupo Jim Sports dentro dunha colaboración público-privada co Concello de Palas de Rei, inclúe un bar con terraza, máis de 1.500 metros cadrados de zonas verdes e un parque infantil para que os máis pequenos poidan desfrutar da área de lecer. O complexo sitúase nun espazo con diversas instalacións deportivas, ao carón do actual ximnasio.

A actuación supuxo un investimento superior aos 1,4 millóns de euros, asumido integramente polo Grupo Jim Sports. As instalacións estarán dispoñibles tanto para os máis de 150 traballadores da empresa como para os veciños e veciñas de Palas de Rei.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, visitou as novas instalacións coincidindo coa celebración do Sports Day organizado por Jim Sports, un evento que reuniu a máis de 200 participantes. Durante a visita estivo acompañado polo CEO do grupo, Jesús Manuel Graña, co que percorreu o complexo e analizou as próximas inversións previstas pola compañía.

0.12469696998596