Palas de Rei impulsa unha xira teatral por Francia e Italia co alumnado do obradoiro municipal

O Concello de Palas de Rei, en colaboración co profesorado do Obradoiro Municipal de Teatro, organiza unha nova xira teatral dirixida ao alumnado participante neste proxecto formativo e artístico, que se desenvolverá entre os días 9 e 17 de maio. A saída terá lugar o sábado 9 ás 19:45 horas desde a Casa da Cultura de Palas de Rei, mentres que o regreso está previsto para o día 17 ás 10:30 horas no mesmo punto, tras completar un percorrido por Francia e Italia que culminará cunha xornada lúdica en PortAventura World.
Na iniciativa participará alumnado de Palas de Rei xunto con integrantes do grupo de teatro do IES de Cacheiras, sumando arredor de 31 persoas. O equipo docente acompañante estará formado por Óscar Varela Casal, Xosé Manuel Pérez Paredes, Afonso García Penas e David Rodríguez Puy. Ao longo da viaxe, o grupo levará a cabo varias actuacións en centros educativos italianos, entre elas no Auditorio do Liceo Scientifico G. Marconi de San Miniato o martes 12 ás 9:00 horas, no Teatro Tivoli para o alumnado do Liceo Niccolò Copernico de Boloña o mércores 13 ás 10:00 horas e novamente neste mesmo centro o xoves 14 á mesma hora.
A proposta constitúe unha experiencia educativa e cultural de grande valor, na que o teatro se concibe como unha ferramenta de expresión, convivencia e aprendizaxe compartida. O alumnado terá a oportunidade de representar o seu traballo escénico en contextos internacionais, establecer relacións con outros grupos, coñecer novas realidades culturais e reforzar valores como a cooperación, o respecto pola diversidade e a inclusión.
O itinerario inclúe tamén un amplo programa de visitas culturais. O domingo 10 o grupo chegará a Nîmes, onde percorrerá espazos como a Maison Carrée, o anfiteatro romano ou a Porta Augusta. O luns 11 será a quenda de Pisa, con paradas na Piazza Vittorio Emanuele II, o río Arno e a Piazza dei Miracoli. O martes 12, tras a actuación, visitarán Florencia, coñecendo lugares emblemáticos como a Piazza del Duomo ou o Ponte Vecchio. O mércores 13 chegarán a Boloña, onde, ademais da representación, participarán nunha xornada de convivencia co alumnado local e nunha visita guiada pola cidade. O xoves 14 desprazaranse a Niza para coñecer o seu centro histórico e o paseo marítimo, mentres que o venres 15 viaxarán ata Salou antes de gozar dunha xornada en PortAventura.
O Concello de Palas de Rei e a Escola Municipal de Teatro consolidan así unha iniciativa que se repite ao remate de cada curso escolar, apostando polo teatro como espazo de encontro, aprendizaxe e desenvolvemento persoal. A colaboración con entidades como o Concello de Touro ou o IES de Cacheiras reforza ademais o carácter colectivo e inclusivo dun proxecto no que a cultura serve de nexo entre territorios, xeracións e experiencias.