Palas de Rei prepara novas actuacións de formigonado no rural á espera da mellora do tempo

LugoXa
O Concello remata os accesos a Leilón e prevé investir preto de 200.000 euros en camiños de varias parroquias con medios propios
accesos-ao-núcleo-de-Leilón-Palas-de-Rei
12 Jan 2026

O Concello de Palas de Rei vén de completar os traballos de formigonado nos accesos ao núcleo de Leilón e xa ten planificadas novas actuacións no rural que se levarán a cabo en canto as condicións meteorolóxicas o permitan. A administración local continuará así cun plan de mellora da rede viaria municipal, centrado especialmente nos accesos aos núcleos de poboación.

As próximas intervencións están previstas en Berbetouros, Chancela, Villareda, Augasantas, Ribeira, Cabaña, Carballal de San Mamede e Coence, onde se executarán novos formigonados coa finalidade de mellorar a seguridade, a comodidade e o estado xeral dos camiños. Todos estes traballos serán realizados pola brigada municipal de obras, unha fórmula que permite reducir custos, xerar emprego local e optimizar os recursos do Concello.

Neste contexto, o Concello de Palas de Rei ten previsto contratar a 16 persoas para desenvolver diferentes actuacións de formigonado cun investimento próximo aos 200.000 euros, repartido en varias parroquias do municipio. A planificación destas obras responde ao criterio de dar prioridade aos núcleos de poboación, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir uns accesos en mellores condicións no conxunto do rural.

⚙ Configurar cookies
0.082615852355957