Palas de Rei presentará ao Programa do 2% Cultural o proxecto para rehabilitar o mosteiro de Vilar de Donas

O Concello de Palas de Rei concorrerá á próxima convocatoria de fondos do Programa do 2% Cultural, promovido polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, cun proxecto destinado á rehabilitación integral do Mosteiro de Vilar de Donas. A iniciativa pretende avanzar na recuperación dun dos elementos patrimoniais máis destacados do municipio e reforzar o seu papel como motor cultural e económico da zona.
Esta nova tentativa prodúcese tras o acordo de cesión gratuíta do inmoble acadado no ano 2021 entre o Concello de Palas de Rei e o obispado de Lugo, un paso clave para poder intervir no edificio. Posteriormente, o mosteiro foi incluído no Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-22, impulsado polo Ministerio de Industria e Turismo, que chegou a consignar unha partida orzamentaria de 1.500.000 euros destinada a actuacións de impulso do Camiño de Santiago. Porén, eses fondos non chegaron a materializarse, unha circunstancia pola que o Concello palense se interesou en diversas ocasións.
O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboda, subliñou que “intentaremos nesta nova convocatoria, a través do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e no marco do Programa do 2% Cultural, acadar algunha axuda para a recuperación do Mosteiro de Vilar de Donas”, coa finalidade de favorecer a súa rehabilitación e posta en valor como parte esencial do patrimonio histórico local. O rexedor engadiu que esta actuación permitiría contribuír á dinamización económica e á rexeneración da contorna.
Neste contexto, o Concello avanzou que nos próximos días se analizará o proxecto con técnicos de Patrimonio, co obxectivo de definir unha intervención sostible que abranga o conxunto da edificación anexa á igrexa románica de Vilar de Donas e que respecte os valores históricos e arquitectónicos do enclave.