Palas de Rei programa actividades con motivo do 8M para promover a igualdade

LugoXa
Marcha, concurso escolar, teatro e rap improvisado completan a programación do Día Internacional da Muller
8M-Palas-de-Rei
25 Feb 2026

O Concello de Palas de Rei prepara un amplo programa de actividades con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, baixo o lema “Muller nin máis nin menos”, co obxectivo de promover a igualdade efectiva e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da participación activa das mulleres na sociedade.

Entre as iniciativas destaca o Certame de Tarxetas 8M, un concurso no que participa o alumnado dos colexios de Antas de Ulla, Palas de Rei, Guntín, Portomarín, Monterroso e Friol. As tarxetas deben difundir mensaxes positivas sobre a igualdade entre homes e mulleres e a relevancia da participación feminina na vida social e cultural.

O xoves 6 de marzo, de 10.00 a 14.00 horas, celebrarase no ximnasio do IES do Camiño un stand da campaña “Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual”, destinado ao alumnado do centro. A actividade busca concienciar sobre as diferentes formas de violencia e micromachismos que sofren as mulleres e fomentar modelos de relación afectivo-sexual baseados no respecto e a tolerancia.

Ese mesmo día, ás 10.30 horas, terá lugar a VI Marcha pola Igualdade, que sairá da Praza do Concello e rematará na Praza da Ulloa. Nesta acción participará o alumnado do colexio e do instituto de Palas de Rei, o profesorado e todas as persoas que desexen sumarse. A marcha reivindica a igualdade legal e real, convidando á sociedade a unirse fronte a desafíos como a conciliación, a fenda salarial, os teitos de cristal e a violencia machista.

O luns 9 de marzo o Obradoiro Municipal de Palas de Rei representará na Casa da Cultura a obra teatral “Pim Pam…Acción”, destinada ao alumnado do CEIP de Palas de Rei, cun primeiro pase ás 10.00 horas e un segundo ás 11.00 horas.

Finalmente, o mércores 11 de marzo, ás 10.30 horas, terá lugar na Casa da Cultura a actividade CeibaRimas, un espectáculo de rap improvisado en galego dirixido ao alumnado do IES do Camiño. Durante 60 minutos, o speaker Lil Moma coordinará roldas de freestyle sobre conceptos como o teito de cristal e os micromachismos, acompañadas de miniconcertos das artistas Carola e Nubenegra e do rapeiro Aprendiz. O público poderá participar activamente, subindo ao escenario para rapear sobre igualdade nun ambiente creativo e reivindicativo.

0.12108016014099