Palas de Rei solicitará fondos estatais para mellorar e ampliar o paseo do río Roxán

LugoXa
O Concello prevé un proxecto sostible de 260.000 euros para completar o itinerario e conectalo co casco urbano
Paseo-do-Río-Roxán-Palas-de-Rei
20 Dec 2025

O Concello de Palas de Rei presentará unha solicitude ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para acceder a fondos destinados a proxectos sostibles co obxectivo de continuar as melloras no paseo do río Roxán. A iniciativa busca dar continuidade a este espazo verde, moi utilizado pola veciñanza ao longo de todo o ano, e reforzar a súa integración co núcleo urbano.

O proxecto contempla prolongar os actuais 1,7 quilómetros de paseo mediante un novo tramo que funcionaría como un auténtico cinto perimetral, bordeando a zona de Ponterroxán e o Polígono Industrial ata enlazar co casco urbano á altura da Aldea de Abaixo. Esta actuación permitiría mellorar a conexión peonil e paisaxística entre diferentes áreas do municipio.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, destacou que se trata dun “proxecto moi atractivo e vistoso para o casco urbano”, que achegaría “aínda máis empaque e beleza ao paseo do río Roxán”, subliñando o uso continuado que fai a veciñanza deste espazo en todas as épocas do ano.

Segundo as previsións municipais, o investimento global da actuación situaríase arredor dos 260.000 euros. O Concello de Palas de Rei asumiría a cofinanciación do proxecto cun 10 % do orzamento total, ademais de poñer a disposición os terreos necesarios para a execución das obras.

⚙ Configurar cookies
0.078346014022827