Palas presenta a X edición de Son d'Aldea

LugoXa
A parroquia de Santiago de Albá, en Palas de Rei, acollerá o 3 e 4 de setembro a décima edición de Son D'Aldea.
presentacion son daldea
24 Ago 2021

A parroquia de Santiago de Albá, en Palas de Rei, acollerá os días 3 e 4 de setembro a décima edición de Son d'Aldea, que busca recordar a época de apoxeo do mundo rural e reivindicar as súas posibilidades económicas.

A organización está a cargo da Asociación Son D'Aldea, coa colaboración de Alentía e Metátese Teatro; da Asociación Veciñal O Parzamique de Albá e a Asociación Veciñal Entreportas de Santo Xusto.

A décima edición deste evento reunirá, na parroquia de Santiago de Alba, a 300 persoas nun encontro que permite vivir en primeira persoa como era a vida da aldea nos anos 40 e 50 e manter a lembranza de cando o rural era o motor da economía e tradición; unha lembranza que aínda vive na memoria dos nosos maiores.

Durante dous días os asistentes poderán desfrutar de gran variedade de actividades, como actuacións musicais, rutas teatralizadas ou conferencias. Para a reserva de prazas e maior información pódese visitar a web de Son d’Aldea.

Na xornada do venres día 3, pola tarde, afonderán no estudo do estado actual e como enfrontar a problemática do abandono e desleixo, como valorizar o patrimonio rural nunhas xornadas de debate que se iniciarán ás 5 da tarde, para pechar a xornada coa música de Comando Curixás. 

O día 4 é a xornada da recreación co roteiro teatral, do xogo, da música e da festa. "Dezaseis escenas para sentírmonos propios e alleos nun devir que acontece e nos transporta baixo o po no que se encontra a orixe de todos e todas nós", explican. "Camiñamos por corredoiras, carballeiras e fragas con Forza e alegría, visitamos A escola e lembramos estantíos  o desasosego e valor da auga nos prados en Tornar a auga. Non falta o amor na intimidade dunha canteira, O retorno; ou o amor anhelado a furto escrito nunha Carta. Curuxás fai honor á súa valentía e asexo roldando os camiños. Outros Saberes da aldea a carón da labranza e o gando. Personaxes sabios e distintos, con vida propia, O Pallota e O estruciñante, ilustran os vieiros á par. Historias de mulleres arroutadas e sensibles e o seu enfrontamento ás leis sociais, Camiño da festa. Non falta á cita o cego e o deleite dos seus cantares, Romance de Son d´aldea. Sabidas son as boas relacións entre sogra e nora e a lenda que impera, Amor de sogra; como sabido é o remedio cando non se ve saída á doenza e se bota man do coñecemento da menciña inmediata, Nas mans do destino. A xustiza non sempre é cega, coñéceno ben as nais solteiras e os de condición humilde, As varas de medir. A muller pertence ao labor da casa e a aprendizaxe da costura a ela pertence, A costureira; Na aira tamén desenvolve o seu servizo percibido como menor, mesmo sendo criada".

O programa completarase cun xantar, xogos populares e contacontos de Celso Sanmartín na tarde do sábado.

Finalmente, Luar na Lubre será o encargado de poñer o fin de festa, sobre as 21.00 horas.

Mais en SON D´ALDEA non só se xuntan e relacionan persoas de todas as xeracións, senón tamén persoas chegadas de distintos lugares de Galiza, de Santiago, A Estrada, Palas de Rei, Melide, Arzúa, Borneiro, Chantada, A Coruña, Albá, Santo Xusto ... nunha convivencia e transmisión de saberes e experiencias extraordinarias. Un evento singular que une á xente e apega á terra, que busca converternos en dignos herdeiros de quen propiciou sermos o que somos, que busca podermos mirar aos ollos agradecidos a quen nos criou e aplaudirlles.

SON D´ALDEA non é nin representa unha ollada de nostalxia, morriña ou saudade, senón unha volta ao pasado para entendermos o presente e enxergar con consciencia construtiva o futuro.

Os pasos andados, as rodeiras das corredoiras, os cantos e lendas que ondean no aire, os segredos da pedra, os laios e a ledicia, a soidade e os amores de sempre, a palabra dada e a palabra perdida, a relación coa familia e co veciño, o gando, a casa ... recuperan corpo e soben aos nosos sentidos, recrean sensacións de pertenza. Revivimos á sombra do carballo, lembramos a esencia, celebramos que somos da aldea.

PROGRAMA

Venres 3 de setembro:

  • 17:00 Xornadas de debate: Intervención Social no Medio Rural. Conferenciantes: Manuel Vieites e Alicia González
  • 20:00 horas: Presentación dos libros: Son’Aldea 2016 e Son d’Aldea 2019
  • 20:30 horas: Actuación do grupo “Comando Curixás”

Sábado 4 de setembro:

  • 10:00 horas: Roteiro teatral
  • 15:00 horas: Xantar na Aldea
  • 17:00 horas: Xogos Populares
  • 19:00 horas: Contacontos de Celso Sanmartín
  • 21:00 horas: Actuación de Luar na Lubre
0.15532803535461