Paran outro proxecto eólico na Montaña de Lugo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou a suspensión cautelar do proxecto eólico Serra de Liñares, nos concellos lucenses da Fonsagrada e Negueira de Muñiz
manifestación-contra-o-proxecto-eólico-Serra-de-Liñares
17 Out 2024

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou a suspensión cautelar do proxecto eólico Serra de Liñares, promovido por AV Serra de Liñares S.L.U, nos concellos lucenses da Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Este proxecto, autorizado pola Xunta de Galicia en marzo de 2023, fora declarado como "iniciativa empresarial prioritaria" en 2021 e contaba cunha potencia asignada de 48 MW no concurso eólico de 2010.

O proxecto, que inclúe a instalación de 16 aeroxeradores de 150 metros de altura, prevese nunha zona de alta montaña con importantes elementos ambientais sensibles. O TSXG destaca a presenza de especies protexidas, como o oso pardo e o lobo ibérico, cuxa conservación podería verse afectada. Segundo o tribunal, a Xunta non realizou estudos suficientes sobre a presenza do lobo na zona, o que podería implicar un dano ambiental irreparable.

A pesar de contar cunha declaración de impacto ambiental favorable, o alto tribunal galego aplicou o principio de cautela, sinalando que as obras do parque poderían ter consecuencias negativas tanto a nivel ambiental como acústico. Ademais, o Ministerio de Transición Ecolóxica desaconsellara a instalación polo risco para as especies vulnerables.

Con esta decisión, xa son catro os proxectos eólicos en Galicia suspendidos cautelarmente grazas á acción do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, impulsado por colectivos como ADEGA e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica. Esta paralización tamén supón un alivio para a veciñanza da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, que se opón ao proxecto a través da plataforma “A Montaña plántase”.

0.1329140663147