Patricia Otero acusa o PP de non apoiar a garantía do financiamento estatal do 50 % da dependencia

A candidata do PSdeG ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, criticou o Partido Popular por non apoiar no Congreso a garantía legal de que o Estado asuma o 50 % do financiamento da dependencia, unha medida que, segundo lembrou, os populares reclamaban desde hai anos cando gobernaban na Xunta. "O Partido Popular, que dicía querer esta lei, non a apoiou", afirmou durante un encontro con entidades sociais da provincia.
Otero puxo esta votación e a aprobación da lei da ELA como exemplos da importancia das decisións que se adoptan nas Cortes Xerais. "O 29 de novembro xogámonos o modelo de benestar que queremos para este país e necesitamos un maior apoio para seguir camiñando neste eido os vindeiros catro anos", defendeu. No encontro participaron tamén o candidato ao Senado César Mogo, o número dous da lista ao Congreso, Jorge Bustos, e a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez.
A candidata explicou que a reunión tiña como prioridade escoitar as entidades sociais para coñecer as súas necesidades e preocupacións, así como compartir as propostas do programa socialista para as eleccións xerais do 29 de novembro. Entre os compromisos que trasladou figura dotar estas organizacións de maior estabilidade financeira, de maneira que poidan coñecer con antelación os recursos dispoñibles e planificar a súa actividade ao longo do ano.
Tamén apostou por simplificar os trámites administrativos, ao considerar que a burocracia lles resta tempo para desenvolver o seu labor, e por garantir que as asociacións teñan voz nas decisións que afectan as persoas ás que prestan atención.
Pola súa banda, César Mogo reivindicou o papel das organizacións sociais como "protagonistas das políticas públicas". "As leis son necesarias, os recursos imprescindibles, e os programas moi importantes", afirmou. O candidato ao Senado defendeu que as administracións conten coas entidades desde o momento no que se consultan e definen as medidas que se van adoptar. "Querémolas activas e partícipes", resumiu.
Jorge Bustos centrou a súa intervención nas dificultades de acceso aos servizos sociais no rural e puxo como exemplo a situación dunha persoa maior que vive soa nunha aldea lucense. "As políticas sociais non só se fan nun despacho", sinalou, antes de reclamar un financiamento adaptado á dispersión xeográfica da provincia. Entre as propostas socialistas para a próxima lexislatura citou o transporte social adaptado e os programas de acompañamento para combater a soidade non desexada.
Bustos tamén apuntou á vivenda social, á rehabilitación de barrios e aldeas e á inserción sociolaboral como ferramentas para favorecer a fixación de poboación no territorio.
Finalmente, Lara Méndez denunciou que o Goberno do PP na Xunta reclama máis fondos ao Estado para financiar a dependencia pero, cando os recibe, "retrae a súa parte", mentres os concellos continúan soportando o mesmo esforzo económico. A secretaria de Organización do PSdeG destacou o traballo das entidades do terceiro sector, que, segundo afirmou, "moitas veces están atendendo o que deberían estar facendo as propias administracións".
Méndez reclamou políticas que garantan unha "inclusión real e efectiva en todos os eidos" e instou a Xunta a dotar os centros educativos do profesorado necesario para atender o alumnado con necesidades educativas especiais.