Patricia Otero di que "o PP mantivo á Mariña á marxe dos investimentos”
A secretaria provincial social e candidata ás eleccións autonómicas, Patricia Otero, acompañada dos alcaldes da Comarca da Mariña, denunciouen Foz, a política de abandono de Feijóo na Mariña Lucense. “O PP de Feijóo mantivo á marxe á Mariña de Lugo das políticas de investimentos da Xunta, gastou en Galicia máis de 40.000 mil millóns de euros dos impostos de todas as galegas e galegos deixando ao marxe a todos os Concellos da Mariña Lucense”, espetou.
E proseguiu coas súas criticas “0 euros para actividade portuaria, para infraestruturas viarias, para chan industrial, concentracións parcelarias e para política forestal”. E preguntouse “porqué a Xunta non apostou por unha política encamiñada á transformación da madeira, cando esta Comarca é punteira neste sector?”, dixo.
Otero fixo estas declaracións dende o porto deportivo de Foz, Porto Chico, que tiña estar arranxado tal e como comprometera o Goberno de Feijóo no Parlamento de Galicia, “pero unha vez máis o compromiso do PP con este proxecto quedou como estaba, no papel si, pero sen orzamentos”, denunciou.
No que se refire ás débedas do PP cos Concellos da Mariña Otero sinalou que tal e como denunciou en reiteradas ocasións o Alcalde de Alfoz “nesta vila non hai PXOM, a concentración parcelaria segue sen rematar e tampouco teñen polígono industrial. E en Foz ademais das melloras no Porto Chico, só hai un pediatra a media xornada e non a xornada completa como corresponde a un concello con esta poboación. E por suposto o investimento do PP para a depuradora é irrisoria, xa que dun proxecto de obras cun orzamento de máis de 12,2 millóns de euros, Feijóo anuncia unha partida nos orzamentos de 503.000 euros”, lamentou.
EDAR de Burela e Barreiros
Un caso similar ocorre no Concello de Barreiros “o problema da EDAR de San Miguel é longo no tempo, e segue sen ter solución, e sen ningún investimento da Xunta de Feijóo que sempre actúa mirando cara outro lado. E en Burela, demandamos no Parlamento que comezarán as obras da EDAR antes de xuño de 2020, e das polo de agora, seguimos sen ter novas. E nos orzamentos de Feijóo hai un partida de 250.000 euros, dos preto de 6 millóns de euros que custa o proxecto, unha auténtica tomadura de pelo para as veciñas e veciños de Burela”.
Viveiro e Ourol
No caso do Concello de Viveiro criticou o anunciado proxecto da ponte sobre a ria “unha infraestrucrura que atravaseria por completo a ria, dende Celeiro ata a recta de Escourido”. E en Ourol “non se tiveron en conta as alegacións do Concello ao Plan de Transporte da Xunta, deixando sen paradas moitas zonas que si tiñan demanda. Ademais, denuncian que dentro do Plan de Camiños da Xunta recortaron 62.774 euros dende a primeira anualidade do 2016, xa que actualmente reciben só 24.600 euros para investir no rural”.
En Ribadeo tamén son necesarias novas dotacións de saneamento xunto con Trabada. “Nestes dous Concellos son precisos investimentos urxentes para realizar un novo abastecemento de auga a varios núcleos de Trabada, que dependen da rede xeral de abastecemento de Ribadeo”. A maiores, no concello trabadense as veciñas e veciños tamén demandan un vehículo motobomba, así como o saneamento e construción de EDAR nos núcleos de A Rabexa (Ría de Abres), e na Igrexa (Sante). “O Valadouro tamén conta con deficiencias en canto ao saneamento é precisa unha nova captación de auga do Rio Ouro, melloras nas estradas de titularidades autonómica que transcorren polo Concello, así como o pediatra que prometeu o PP de Feijoo na vila”, denunciou Otero.
Na Pontenova a estrada autonómica LU-741 que chega a Fonsagrada precisa de investimentos e melloras, e en Lourenzá son necesarias melloras no CEIP Juan Rey como a renovacion da carpinteria, o cambio na instalacion eléctrica ou a cuberta da escaleira exterior da entrada ao centro.
Resposta á visita de Pablo Casado a Alcoa
A secretaria provincial tamén aludiu á reunión que mantivo (onte xoves) o dirixente do PP, con algúns dos representantes do Comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, acompañado de Olano, Candia, así como os Alcaldes de Xove e Cervo. “Eu pregúntome si o PP foi dar explicacións aos traballadores de porqué o Goberno do PP de José María Aznar, vendeu a prezo de saldo a principal industria de Galicia a unha multinacional americana?. E sen que o PP de Galicia gobernando na Xunta dixera nin pio”, espetou.
Otero afirmou que “o Goberno de Feijóo non se preocupou ao longo deste anos nin pola balsa de lodos roxos, nin pola falla de investimentos na modernización desta empresa. Por iso agora son máis necesarias que nunca políticas de concertación e non políticas de confrontación, que é o que fai o PP de Feijóo e o que é mais grave, sen aportar unha soa solución”, sinalou.
Por último dende o Grupo Socialista “reiteramos o noso firme compromiso para facilitar a viabilidade deste grupo empresarial, co mantemento dos postos de traballo e con políticas que garanticen o investimento na modernización do complexo para viabilizar o seu futuro”, resumiu.