Paula Alvarellos, durante a lectura do manifesto do 25N: "Non imos esquecer nunca ás que xa non poden falar"

LugoXa
A rexedora municipal tamén falou da necesidade de que “as administracións, cada unha na medida das súas posibilidades, aporte máis recursos a esta loita”
25N-Concello-de-Lugo-2024-manifesto
25 Nov 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu a concentración polo 25N, no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, nun acto fronte ao Concello de Lugo, no que participaron varios edís do Goberno Local, entre eles a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo.

O acto comezou coa lectura do manifesto, a cargo da profesora de ensino secundario do IES Ánxel Fole, Felisa Redondo, cunha lembranza especial ás 42 mulleres asasinadas no que vai de ano.

Tanto a alcaldesa como a concelleira de Muller recordaron e mostraron o seu alento e ánimo á familia e amigos da lucense Cristina Cabo, veciña da Milagrosa morta hai dous anos, nun crime machista que conmocionou Lugo. Paula Alvarellos fixo fincapé en que “a violencia machista require unha resposta igual de contundente e unánime de administracións e sociedade”.

A concelleira Ángeles Novo foi a encargada de abrir o acto institucional fronte ao Concello de Lugo lembrando “ás 42 mulleres asasinadas no que vai de ano, e facendo fincapé en que estes asasinatos non atenden a condicións nin fronteiras, xa que a violencia machista trátase dun problema a nivel mundial, un fenómeno universal que impide unha igualdade real, que atenta contra a paz e tamén contra os dereitos humanos de mulleres e nenas”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo incidiu en que “hai que falar alto e claro contra as problemáticas que alimentan o maltrato; erradicar o negacionismo machista e a brecha salarial; e potenciar os recursos ás vítimas e ás políticas igualitarias”.

En sinal de repulsa polos asasinatos machistas e en lembranza de todas aquelas mulleres mortas no que vai de ano, se repartiron pancartas cos nomes das vítimas, como mostra tamén de que “non imos esquecer nunca ás que xa non poden falar e alzar a voz contra a violencia machista”.

A alcaldesa avogou por “unha unión maior: dos nosos recursos, económicos e asistenciais; cun maior acento nas campañas divulgativas e tamén educativas para dar visibilidade a esta lacra social e afondar na súa prevención”, ao tempo que fixo fincapé en que “as administracións que canalizan os recursos e os responsables das políticas educativas, xunto ao resto de cidadáns e cidadás temos a obriga e a responsabilidade como sociedade avanzada e democrática de ser unha única voz fronte á violencia de xénero”.

A rexedora municipal tamén falou da necesidade de que “as administracións, cada unha na medida das súas posibilidades, aporte máis recursos a esta loita”. Só así, sinalou, “avanzaremos cara a unha sociedade sen espacio para a violencia machista, e polo tanto unha sociedade na que sentirnos a salvo e da que estar orgullosas”.

O acto institucional fronte á Casa do Concello rematou coa actuación musical das Cantareiras da Asociación Cultural Cántigas e Frores e co reparto de chales violetas entre as e os asistentes, a cargo da Asociación Mulleres Empresarias de Lugo, colectivo que no día de hoxe realizou varios actos, en colaboración coa Concellería de Muller do Concello de Lugo.

0.17508220672607