Paula Carballeira estrea un espectáculo de narración oral para nenos en Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Estará, tamén, co Club de lectura Saleta, da Casa-Museo Manuel María para falar de 'Ubasute'
paula-carballeira-casa-manuel-maria
18 Mar 2026

Paula Carballeira estará este sábado, 21 de marzo, ás 17 horas,na Casa-Museo Manuel María cun espectáculo de narración oral para nenos e nenas entre 4 e 8 anos, que leva por título Camiños de mar, terra e vento.

Paula Carballeira introduce esta función sinalando que polos camiños da terra van quen queren chegar lonxe, de vagar, atopando atrancos, e persoas descoñecidas, e aventuras fantásticas ou pequenas peripecias, perigos, sorpresas. Polos camiños do ar van quen adiviñaron como voar, coa axuda de paxaros ou alfombras, de vasoiras ou de refachos de vento. Polos camiños do mar van quen esperan atopar illas misteriosas, música feita por ondas e sereas, baleas brancas, luras xigantes, tesouros que poden non ser de ouro nin de prata, senón de corais e criaturas das profundidades.E os contos viaxan, de boca en boca, pola terra, polo mar e, sobre todo, polo ar.

Paula Carballeira, contadora, actriz, directora teatral e dramaturga (é Premio estatal de literatura dramática en 2023), acode, regularmente, aos principais eventos e festivais de narración oral nacionais e internacionais. Ten case corenta libros publicados (álbum ilustrado, narrativa, poesía, teatro, ensaio), moitos deles traducidos a varias linguas, e a maioría pensados para a infancia e a xuventude.

Paula Carballeira estará, tamén, co Club de lectura Saleta, da Casa-Museo Manuel María

Despois da función, Paula Carballeira asistirá, ás 18,30, á sesión do Club de Lectura Saleta, da Casa-Museo Manuel María, para partillar coas persoas que o conforman un diálogo á volta de Ubasute, un libro do cal é autora a propia Carballeira e que é obxecto de lectura do club. O libro xira ao redor do abandono das persoas vellas.

0.1264009475708