Paula Sánchez, de Improdutivas: “Para min, facer impro, é como tirarte a rolos e deixarte levar”

Jessica Fernández
Con arredor de dez persoas, o grupo de improvisación Improdutivas naceu en Lugo en xaneiro de 2025 coa intención de situar esta disciplina no mapa cultural da cidade. A proposta baséase en “crear teatro de maneira espontánea, sen guión, sen vestiarios e sen ningún tipo de atrezzo. Só coa nosa cabeza e coas nosas compañeiras”, explica Paula, quen engade que “a improvisación é o jazz do teatro. “Durante o Festival de Jazz estivemos falando con músicos, porque actuamos no Clavicémbalo, igual ca eles, e comentamos que eles improvisan para crear a súa música, do mesmo xeito que nós o facemos para crear as nosas escenas”.
Así, de forma afeccionada, xurdiu o grupo “porque eu estaba nun curso de teatro musical e tiña ganas de facer algo en Lugo de impro; e entre o impulso da miña amiga e o meu, mulleres que botabamos en falta máis impro, porque hai pouca improvisación en Galicia, e menos en Lugo; puxemos en marcha esta iniciativa. Queríamos crear algo enfocado ás mulleres, xa que o ámbito da improvisación está bastante masculinizado. Así que, amigas e compañeiras, comezamos a quedar e a improvisar… de maneira totalmente improvisadísima”.
Ademais, engade que “sempre dicimos que é un sector masculinizado porque, a diferenza do teatro en xeral, no que hai maioría de mulleres, na improvisación adoita imperar a lei do máis forte”, Por iso, neste grupo fomentan a igualdade: “O que buscamos é crear espazo para as mulleres e garantir contornas seguras, nas que non teñamos que loitar por saír ou por ter voz. É algo no que poñemos moita atención porque nós mesmas tamén o sufrimos ao comezo”, recoñece.
BENEFICIOS DA IMPROVISACIÓN TEATRAL
A improvisación teatral converteuse nun espazo de creación libre e sen límites para Improdutivas, que aposta por unha escena espontánea, sen guión e baseada na escoita e na presenza. Paula sostén que esta disciplina non precisa de grandes recursos, pero si dun traballo constante entre as persoas que participan: “Para facer improvisación non fai falta nada, pero nós facemos un montón de xogos e poñemos normas para enriquecernos e darnos impulso”.
O colectivo combina perfís diversos. Dentro del conviven actrices profesionais con intérpretes que veñen do teatro musical, o que dá como resultado unha proposta versátil na que tamén cabe a súa propia maneira de xogar coa voz. “Temos unha improvisación vocal que chamamos ‘gorxeos’”, relata a presidenta.

A práctica da improvisación require unha dispoñibilidade total durante a actividade, tanto física como mental. “Trátase dunha actividade moi expresiva, que esixe un gran exercicio de atención e adaptación constante. Temos que estar moi presentes e moi espertas, así que facemos moitísima ximnasia cerebral. No teatro é fundamental a presenza corporal, pero a nivel de cabeza estamos sempre cun montón de xogos, que ás veces á xente que vén nova lle estoupa a cabeza”.
Porén, máis alá da técnica, a esencia da improvisación para Improdutivas está na escoita e no coidado mutuo. “Podes ter unha idea marabillosa para improvisar, pero se unha compañeira ten un mal día, tes que estar ti aí. A improvisación é traballo en equipo, é saber escoitar e acompañar”, apunta Paula. E engade unha reflexión que resume a filosofía do grupo: “Para min, facer impro, mentalmente, é como tirarte a rolos e deixarte levar”.
Ademais, o equipo de Improdutivas reúne persoas de entre 26 e 62 anos, o que lles permite observar como evoluciona a capacidade de xogo e apertura co paso do tempo. “Sobre todo nótase coa xente maior”, comenta a presidenta. “Chega un momento no que nos negamos a todo. Cos nenos, e digo isto como mestra que tamén fai impro na escola, a clave é a aceptación. Os nenos aceptan todo, están abertos. Pero cos maiores hai que traballar iso, cambiar o non polo si e non pecharse, porque iso limítate”.
Así, Improdutivas construíu un espazo seguro no que explorar, fallar, rir e probar sen medo ao erro. Un laboratorio teatral que reivindica o poder do xogo, da escoita activa e da liberdade creativa. Un lugar onde cada escena nace do presente, e onde cada voz —sen importar idade nin experiencia— atopa o seu sitio enriba do escenario.
O FUTURO
Como proxecto de futuro, Improdutivas ten un obxectivo claro: dar a coñecer a asociación e divulgar a improvisación en Lugo. Paula, presidenta da asociación, lembra que o mes pasado participaron nun congreso de Impro en Santiago, unha cidade onde este xénero xa conta cunha comunidade consolidada, pero a intención é trasladar o centro da impro tamén a Lugo, onde desde o Clavicémbalo ten un escenario perfecto. “Comezamos en maio a actuar no Clavi e desde entón imos todos os meses. A primeira vez enchémolo con 88 persoas e en xuño volvemos chegar ás 80. Alberto deunos un apoio tremendo”, subliña Paula.
As actuacións no Clavicémbalo teñen un formato curto e dinámico, orientado ao ambiente nocturno e de bar. Elas denomínano Impro Deportiva: seis xogos breves que rematan cos seus característicos “gorxeos”. “É moi activa, moi divertida. Agora que xa somos máis coñecidas, o público participa desde o principio”, comenta a presidenta.
A traxectoria do grupo fóra da cidade tamén é positiva. Improdutivas participa no ciclo de Teatro Amador e levou o seu traballo a Antas de Ulla, A Pontenova, Parga e Castroverde. Ademais, realizou unha sesión na residencia das Gándaras, onde a resposta foi especialmente emotiva. “O público responde superben. Fixemos impro con maiores e tamén con ANPAs. A xente sorpréndese para ben”, relata Paula.
A presidenta tamén reivindica o valor artístico e técnico da improvisación, a miúdo infravalorado. “A impro está bastante denostada porque, ao non levar algo fixo a representar, a xente pensa que non require traballo, pero é ao revés: non tes unha rede de seguridade, non tes guión no que apoiarte, e iso ten máis traballo”, sostén.
A mirada de futuro do colectivo é ambiciosa. Queren consolidar un núcleo estable de público en Lugo e comezar a atraer compañías doutros puntos de Galicia, construíndo unha pequena rede de intercambio artístico. “Queremos darnos a coñecer, mostrar que isto non é algo só de Santiago, e sobre todo que é un produto de calidade, moi desfrutable tanto para quen o fai como para quen o ve”, asegura Paula. “O soño é ter un centro de Impro en Lugo”.