Paula Vázquez Rodríguez, nova decana da Facultade de ADE do Campus de Lugo tras un amplo apoio

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) do Campus de Lugo da USC elixiu como nova decana a Paula Vázquez Rodríguez nun proceso electoral desenvolvido con normalidade e no que contou cun amplo apoio da comunidade universitaria, acadando 29 votos a favor dun total de 32 emitidos, o que supón o 90,63 %, ademais de 2 votos en branco e 1 nulo.
Durante a sesión extraordinaria da Xunta de Facultade, a nova decana presentou o seu programa de goberno, estruturado en cinco eixes principais: o estudantado e as persoas egresadas, a docencia, a investigación, a relación coa contorna e a internacionalización, así como a xestión interna do centro. Este enfoque busca reforzar as fortalezas da facultade e dar resposta a retos como a mellora da inserción laboral do alumnado, o impulso da proxección internacional, o aumento da visibilidade da investigación e o fortalecemento da identidade do centro.
Vázquez Rodríguez asumirá o cargo cunha aposta pola mellora continua nun contexto universitario en evolución constante, comprometéndose a traballar de forma colaborativa coa comunidade académica e co tecido socioeconómico da contorna para consolidar o papel da facultade como referente formativo e profesional.
O novo equipo decanal estará formado por Guadalupe Vila Vázquez como vicedecana de estudantado, comunicación e relación co ensino medio; Damián Copena Rodríguez como vicedecano de calidade; e Vanessa Miramontes Viña como secretaria do centro.
En canto á súa traxectoria académica, Paula Vázquez Rodríguez é diplomada en Empresariais e licenciada en ADE pola USC, doutora en Economía e Administración de Empresas con Premio Extraordinario de Doutoramento. Desde 2022 é profesora titular no departamento de Organización de Empresas e Comercialización, onde desenvolve docencia desde o ano 2000 en distintas facultades do Campus Terra.
No ámbito da innovación docente, conta cunha ampla experiencia en proxectos educativos, formación especializada, congresos e elaboración de materiais didácticos. Na investigación, suma dous tramos recoñecidos pola Comisión Nacional de Avaliación da Actividade Investigadora e catro premios, ademais de pertencer ao IBADER e ao Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero.
No ámbito da xestión, foi coordinadora do Grao en ADE durante seis cursos e dirixiu durante oito anos a Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay da USC, ademais de exercer como avaliadora na Axencia para a Calidade Científica e Universitaria de Andalucía.