O Pazo de San Marcos acolle as Xornadas Luis Asorey este novembro
O capital natural e os servizos ecosistémicos como base da nova economía centran a temática das XXXIII Xornadas Luis Asorey Rey, un programa monográfico promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) xunto co Campus Terra da USC e a Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá do 14 ao 23 de novembro no Pazo de San Marcos.
As xornadas, coordinadas polo catedrático emérito na EPS de Enxeñaría e académico, Antonio Rigueiro, están estruturadas nunha serie de relatorios, nos que se abordará a importancia dos bens naturais e as súas externalidades. A restauración do capital natural tralos incendios forestais, os servizos ecosistémicos da Rede Natura 2000, os servizos ambientais na nova Política Agraria Común, a paisaxe, a compensación das emisións de gases de efecto invernadoiro, a biodiversidade, os servizos ecosistémicos dos sistemas agroforestais ou o valor de monumentos naturais como son as árbores senlleiras, capitalizarán a temática das intervencións programadas neste ciclo, cuxas sesións, de asistencia libre e gratuíta para todo o público interesado, se desenvolverán en quenda de tarde, de 19.00 a 21.00, no Pazo de San Marcos.
A académica e catedrática do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC, María Loureiro ofrecerá a conferencia de apertura deste ciclo cunha relatorio baixo o título Restaurando o capital natural: lumes e accións postincendios. A valoración económica das externalidades da Rede Natura 2000 será a temática sobre a que trate o 15 de novembro o científico do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) Mario Soliño Millán. A nova PAC e os pagos por servizos ambientais en Galicia é o título do relatorio que ofrecerá neste foro o mércores 16 de novembro o profesor da USC Edelmiro López Iglesias, ao que sucederá o día seguinte Luis Díaz Balteiro, catedrático da Politécnica de Madrid, que afondará sobre A manipulación das externalidades.
As XXXIII Xornadas Luis Asorey chegarán ao seu ecuador o 21 de novembro cun coloquio sobre o valor dos servizos ecosistémicos moderado por Antonio Rigueiro. A directora Xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, tratará nesta sesión sobre o valor da paisaxe, mentres que o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans del Valle, falará sobre a compensación por CO2, e o profesor da USC na EPS de Enxeñaría Emilio Díaz Varela, incidirá sobre o valor da biodiversidade.
Un relatorio sobre os servizos ecosistémicos nos sistemas agroforestais, a cargo de Rosa Mosquera, catedrática da USC na EPS de Enxeñaría do Campus Terra, e a conferencia Árbores senlleiras de Galicia: un patrimonio natural valioso, da man de Antonio Rigueiro Rodríguez, servirán de colofón do programa dunhas xornadas recoñecidas por parte da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado non universitario. As persoas interesadas en asistir como público poden formalizar xa a súa inscrición de balde a través do formulario habilitado en liña.