Pedrafita do Cebreiro acolle o XXXIV Certame-Exposición de Gando Vacún o 21 de setembro

O vindeiro 21 de setembro, Pedrafita do Cebreiro converterase nun escaparate gandeiro de referencia coa celebración do XXXIV Certame-Exposición de Gando Vacún.
O evento está organizado polo Concello de Pedrafita en colaboración coa Deputación de Lugo, a Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega e a Asociación de Criadores de Rubia Galega (ACRUGA).
A xornada comezará ás dez da mañá coa inauguración oficial e a apertura do recinto feiral, que acollerá durante todo o día unha ampla mostra de exemplares vacúns das principais razas autóctonas. Desde as once e media terá lugar a exposición e concurso de gando, no que participarán reses de Rubia Galega, Morenas do Noroeste e cruzamentos industriais.
O ambiente festivo completarase ao mediodía cunha sesión vermú e animación musical, antes do xantar popular que reunirá a veciños, visitantes e gandeiros arredor da mesa. Pola tarde, a partir das cinco, continuará o concurso e ás seis celebrarase o acto de entrega de premios e a clausura oficial do certame.
As bases do concurso establecen que poderán participar exemplares de diferentes idades e categorías. No caso da Rubia Galega, haberá seccións para novillas de seis a doce meses, de doce a dezaoito meses, de dezaoito a vinte e catro meses e de máis de vinte e catro meses.
A mesma distribución aplicarase ás novillas da raza Morenas do Noroeste. Tamén se inclúen apartados específicos para cruzamentos industriais, nos que se premiará aos mellores becerros e becerras. Ademais, entregaranse recoñecementos á mellor parella de xatas Rubia Galega, á mellor vaca parida e ao mellor xato de cruzamento industrial.
A organización lembra que todos os animais deberán estar debidamente identificados e acompañados da documentación sanitaria correspondente. O xurado valorará os aspectos morfolóxicos, a condición corporal e a aptitude produtiva, outorgando un premio especial á mellor gandería entre todos os participantes.
Con esta cita, Pedrafita do Cebreiro volve poñer en valor a tradición gandeira da montaña lucense, reforzando a importancia da crianza de gando vacún como motor económico e social da comarca e consolidando un evento que xa vai pola súa trixésimo cuarta edición.