Pedrafita do Cebreiro despide o verán cunha xornada de actividades educativas e degustación de produtos da zona

Pedrafita do Cebreiro acollerá o vindeiro 4 de setembro a súa Festa de Remate do Verán, unha xornada que combinará actividades educativas, gastronomía e participación cidadá.
O programa desenvolverase entre as 11:00 e as 15:00 horas e incluirá actividades educativas no eido da igualdade, a inclusión social e a participación cidadá, cunha proposta orientada á sensibilización e á convivencia.
A gastronomía terá tamén un papel destacado durante a celebración, con degustación de produtos da zona e de pratos elaborados con estes produtos, poñendo en valor os recursos e a tradición culinaria do territorio.
A actividade está organizada polo Concello de Pedrafita do Cebreiro e conta coa colaboración de Xacobeo 2027, a Xunta de Galicia e a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés.
A iniciativa pretende así ofrecer unha xornada de encontro e convivencia para despedir o verán, combinando o carácter lúdico coa promoción da igualdade, a inclusión e os produtos locais.