Pedrafita e Monforte acollen obradoiros gratuítos para aprender a detectar noticias falsas

LugoXa | RibeiraSacraXa
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organizará dúas sesións esta semana para ofrecer ferramentas contra a desinformación, con actividades abertas ao público os días 21 e 22 de outubro
alfabetización-mediática-Colexio-de-Xornalistas
20 Oct 2026

Aprender a distinguir información verificada de contidos falsos é o obxectivo dos dous obradoiros de alfabetización mediática que se celebrarán esta semana en Pedrafita do Cebreiro e Monforte de Lemos. A iniciativa, impulsada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa subvención da Deputación de Lugo, busca achegar á poboación adulta recursos para identificar a desinformación e contribuír a frear a súa difusión.

A primeira sesión terá lugar este mércores 21 de outubro, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura de Pedrafita do Cebreiro, situada na avenida de Castela. A xornalista Carmen Abuín González será a encargada de impartir a formación, na que as persoas asistentes poderán coñecer estratexias para avaliar a fiabilidade das noticias e recoñecer posibles contidos enganosos.

Abuín é licenciada en Ciencias da Información e conta con experiencia profesional en medios e comunicación, entre eles El Progreso e Diálogos Comunicación. Tamén desenvolve labores docentes en igualdade e en accións formativas dirixidas a persoas desempregadas.

A segunda cita será o xoves 22 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Monforte de Lemos, na praza de España, número 3. Neste caso, a sesión estará impartida pola xornalista Pilar Rodríguez Losada, que traballou como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas dixitais da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.

Ambas as actividades son gratuítas e de acceso libre, polo que non é necesario inscribirse previamente.

Formación para combater a desinformación

As dúas profesionais recibiron formación específica en alfabetización mediática para trasladar á cidadanía ferramentas prácticas coas que detectar e combater as noticias falsas. O programa pretende reforzar a capacidade crítica das persoas ante a circulación de información enganosa, que pode afectar tanto á confianza nos medios como á calidade democrática.

O Colexio de Xornalistas adapta así á poboación adulta unha iniciativa educativa que xa desenvolve desde hai anos nos centros escolares galegos. A entidade considera que contar con recursos para comprobar a información é fundamental para evitar que as persoas se convertan, de maneira involuntaria, en vítimas ou difusoras de contidos falsos.

O programa estenderase a 19 concellos da provincia de Lugo: Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro.

As sesións están impartidas por profesionais colexiados que recibiron preparación específica para desenvolver estas actividades, financiadas coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo.

0.1623899936676