Pedro Blanco presenta o Plan de Vialidade Invernal nas estradas galegas

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Máis de 450 profesionais e un centenar de máquinas quitaneves velarán pola seguridade viaria dos condutores galegos durante este inverno, cun maior despregue de medios nas provincias de Lugo e Ourense
presentacion-plan--viabilidade-invernal
Presentación do Plan de Viabilidade Invernal
6 Nov 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presentou este xoves en Allariz o Plan de Vialidade Invernal posto en marcha polo Ministerio de Transportes para mellorar a seguridade nas estradas galegas durante a época invernal.

Fixoo no Centro de Conservación de Allariz, acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, o tenente de alcaldesa, Bernardo Varela, o xeneral xefe da Garda Civil, Miguel González Arias, e técnicos do Ministerio de Transportes.

Durante a súa intervención, Blanco agradeceu “o esforzo e a implicación” de todos os profesionais que velan pola seguridade dos usuarios das estradas e destacou o compromiso do Ministerio de Transportes coas infraestruturas galegas, que, segundo afirmou, “está a poñer todos os medios dispoñibles para asegurar a máxima confianza e seguridade dos condutores e condutoras galegos”.
O plan de vialidade invernal estará operativo entre o 1 de novembro e o 30 de abril de 2026 e establece os protocolos de actuación e coordinación ante episodios de meteoroloxía adversa.

En total, o dispositivo conta con máis de 450 profesionais, 103 quitaneves, 20.000 toneladas de sal e 3,2 millóns de litros de salmoira para garantir a circulación en máis de 2.500 quilómetros de estradas de titularidade estatal en todo o territorio galego.

Por provincias, Lugo concentra o maior despregue, con 42 quitaneves, mentres que Ourense contará con 22 máquinas, 4.424 toneladas de sal e 110.000 litros de salmoira. No caso das autoestradas de peaxe de competencia estatal, a AP-9 e a AP-53, súmanse outros nove vehículos e preto de 2.000 toneladas adicionais de material.

O delegado subliñou que este operativo “demostra o compromiso do Goberno coa seguridade e a mobilidade en Galicia” e que o esforzo técnico e humano despregado “permite garantir a circulación e reducir os riscos nas estradas estatais ante calquera episodio meteorolóxico adverso”.

En canto ao Centro de Conservación de Allariz, o delegado explicou que desde este punto se xestionan os medios de vialidade da zona central da provincia de Ourense, incluíndo o tramo oeste da autovía A-52 e a OU-11, que conecta co centro da capital. O sector dispón de sete camións quitaneves —dous deles preparados para aplicar salmoira de forma preventiva—, así como de mil toneladas de sal e unha planta con capacidade para 25.000 litros.

Aínda que non se trata dunha zona de alta montaña, Blanco lembrou que a provincia presenta condicións que requiren especial atención durante o inverno, con choivas frecuentes e descensos térmicos que favorecen a formación de xeadas.

⚙ Configurar cookies
0.066302061080933