Pedro Blanco reivindica na Fonsagrada o futuro para o rural galego

LugoXa
O delegado do Goberno participou na entrega do Butelo de Ouro e destacou o traballo do alcalde por manter esta cita de excelencia gastronómica
entrega-butelo-de-ouro
8 Feb 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor o papel do rural galego como espazo de oportunidades e futuro durante a súa intervención na entrega do Butelo de Ouro da Feira do Butelo da Fonsagrada. No acto estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; o alcalde, Carlos López; a presidenta da Deputación, Carmela López Moreno; e outras autoridades.

Pedro Blanco felicitou ao Museo Comarcal da Fonsagrada, distinguido nesta edición polo seu labor na promoción e conservación da historia e da cultura da zona, e sinalou que entidades como esta demostran que “o rural integra pasado, presente e futuro” e que “a identidade é un dos seus piares fundamentais”.

Durante o acto, o delegado destacou que o butelo representa “esa alianza perfecta entre tradición e excelencia”, un produto nacido da sabedoría popular e do respecto pola terra que hoxe compite nos mellores mercados grazas á calidade e ao saber facer dos seus produtores. Ademais, agradeceu ao Concello o seu traballo constante para converter esta cita nun referente gastronómico e social capaz de reunir cada ano a veciños e visitantes arredor dunha mesa.

O delegado tamén incidiu en que feiras como esta lembran “o valor do auténtico” e contribúen a atraer visitantes, xerar actividade económica e ofrecer oportunidades ás novas xeracións que deciden quedar ou regresar para desenvolver o seu proxecto de vida na montaña lucense.

Pedro Blanco reafirmou o compromiso do Goberno de España co desenvolvemento do rural, apoiando aos produtores, mellorando infraestruturas e impulsando iniciativas que axuden a fixar poboación e crear emprego, porque “defender o rural é defender unha parte esencial do que somos como país”.

Finalmente, convidou a seguir levando o nome da Fonsagrada ben alto e a continuar facendo do butelo unha bandeira da gastronomía galega, convencido de que o rural está “cheo de talento, de enerxía e de futuro”.

OLALLA RODIL

A deputada por Lugo e viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, participou xunto coa concelleira do BNG en Fonsagrada, Rosa Rego, a deputada de Cultura na Deputación de Lugo, Iria Castro e diferentes cargos orgánicos e institucionais do BNG na Comarca de Lugo, nunha nova edición da Feira do Butelo da Fonsagrada.

"Esta senlleira feira é unha boa mostra do potencial que posúe a Montaña de Lugo, no que a sinerxía entre a produción gandeira, a industria de transformación e a potencialidade do comercio local amosan as múltiples capacidades que existen no rural", dixo.

Olalla Rodil destacou “A Fonsagrada é unha grande potencia, a proba é esta feira con múltiples produtos locais de gran calidade e o gran número de produtores” e engadiu “mais é preciso impulsar proxectos que dean un xiro á situación actual da Montaña, na que se promovan alternativas para reverter o declive actual deste zona de Lugo, propostas que loiten o abandono e a despoboación para garantir o dereito a poder vivir e traballar aquí” polo que engadiu “é un recurso de alto valor que desestacionaliza o turismo cunha oferta gastronómica que reforza a actividade nas industrias cárnicas da zona”

Nesta liña, Olalla Rodil explicou a batería de medidas que o BNG está impulsar destinadas a facilitar a implantación de proxectos económicos e o emprendemento no rural para fixar poboación e emprego “no Bloque promovemos medidas para fomentar proxectos económicos no rural que premitan o financiamento de proxectos con sede e domicilio fiscal en concellos do rural, a baixada da cota a autónomos no rural ou a implantación de exencións fiscais”

De igual xeito, a deputada destacou medidas para a produción agrogandeira “temos que recuperar as terras para poñelas a producir e ordenar o noso monte, non podemos deixar de lado a nosa soberanía alimentar”, concluíu.

CARMELA LÓPEZ

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou xunto ao alcalde da Fonsagrada e deputado provincial, Carlos López, na entrega do Butelo de Ouro, que este ano recoñece ao Museo Comarcal da Fonsagrada. Un espazo cultural do que a mandataria provincial destacou o seu labor na conservación da memoria da Montaña.

“O museo leva anos facendo un traballo serio, constante e comprometido coa historia desta comarca. Un traballo que non sempre se ve, pero que é fundamental para entender A Fonsagrada, a súa xente e a súa maneira de vivir”, destacou a Presidenta. Puxo en valor que “recoñecer ao Museo Comarcal é recoñecer a importancia de conservar a memoria sen idealizala, de explicala con rigor e de transmitila con orgullo. É entender que a cultura e o patrimonio tamén forman parte do futuro dun territorio”.

Na súa primeira visita á Feira do Butelo como presidenta da Deputación, Carmela López puxo en valor o produto estrela desta cita “que se constrúe co tempo, co coidado e coa implicación de moita xente”. “Un orgullo compartido que nace do convencemento de que o propio ten valor cando se coida, cando se defende e cando se comparte con naturalidade”. E nese sentido sinalou que o Butelo de Ouro recoñece a traxectoria e o camiño percorrido para que A Fonsagrada sexa hoxe o que é.

Xoán Xosé Molina, presidente do Museo Comarcal da Fonsagrada, foi o encargado de recoller este recoñecemento de mans do Alcalde que, durante a súa intervención loou a pegada deste espazo “na conservación, divulgación e posta en valor da nosa historia para transmitir ese legado ás xeracións futuras”.

 

⚙ Configurar cookies
0.07320499420166