Pena do Pico acollerá este sábado unha nova edición da rapa das bestas de Penamaior

A asociación gandeira Seara Verde de Becerreá celebrará este sábado 8 de agosto unha nova edición da rapa das bestas de Pena do Pico, na parroquia de Penamaior, nunha cita que busca consolidarse como un evento aberto ao público arredor da cultura do cabalo e da gandería extensiva nos Ancares.
A iniciativa conta co respaldo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achegou 10.000 euros para a organización das actividades previstas e para a adquisición e instalación dun curro móbil. Tras dous anos realizando de forma comunitaria os traballos de rapa e marcado dos animais coincidindo coa romaría de San Lourenzo, a asociación dá un paso máis coa celebración dun evento pensado para achegar esta tradición á veciñanza e aos visitantes.
Os traballos comezarán este venres 7 de agosto coa montaxe da nova estrutura metálica. Entre as 10.00 e as 14.00 horas realizaranse tamén as tarefas de marcaxe a frío e microchipado dos novos exemplares de Pura Raza Galega. A organización anima á participación de persoas voluntarias nestes labores.
Xa o sábado, coincidindo coa romaría de San Lourenzo, a xornada arrancará ás 10.00 horas cunha saída a cabalo desde o Mosteiro de Penamaior para conducir as greas ata o curro situado xunto á ermida. Ás 12.00 horas celebrarase a misa na honra de San Lourenzo e, media hora despois, terá lugar a sesión vermú.
O programa continuará ás 14.00 horas cun xantar popular e culminará ás 16.00 horas coa tradicional rapa das bestas e os traballos de desparasitación dos animais, nos que participarán aloitadoras e aloitadores.
Desde Seara Verde destacan que esta iniciativa se suma a outras accións impulsadas pola entidade para promover a cultura ecuestre e a gandería extensiva na comarca, entre elas a subida popular a cabalo á romaría de San Lourenzo e a colaboración na adaptación do trazado da vía Künig para o tránsito ecuestre.