Persoas voluntarias de Cervo elaboran centos de máscaras

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
24 Abr 2020

O Concello de Cervo distribuirá durante a fin de semana máscaras caseiras naqueles domicilios con menores de ata 14 anos. En concreto, traballadores municipais achegarán a estas vivendas unha máscara por neno/a e unha a maiores para a persoa adulta que o acompañe neses paseos controlados que o Goberno autorizou a partir do vindeiro luns.

A iniciativa partiu de varias persoas voluntarias do Concello, que traballan a contrareloxo para elaborar, co seu propio material, centos de máscaras non sanitarias, como complemento protector ante o coronavirus. Desde o Concello recordan que “este material non nos exime en ningún caso de seguir as recomendacións de distanciamento social e de hixiene marcadas polas autoridades sanitarias, senón que é un complemento máis que temos que empregar con responsabilidade”.

Insisten en que este distanciamento social, esbirrar ou tusir na parte anterior do cóbado, a hixiene meticulosa das mans e evitar tocarse a cara, o nariz, os ollos ou a boca seguen as ser as medidas fundamentais para facer fronte ao coronavirus.

Desde a Administración local queren poñer en valor esta iniciativa e agradecen a solidariedade e o labor desinteresado de Mari, Angelines, Victoria, Félix e Margarita (de Ríocobo); de Carmen (de Cuíña), de Mari Luz (de San Ciprián) e de Nati de (Cervo) que traballan a contrareloxo para elaborar máis de 300 máscaras adaptadas aos nenos, e outras tantas para as persoas adultas que os acompañen (máis de 700 en total).

O Concello acompañará cada máscara cun folleto explicativo no que recolle as recomendacións básicas de uso, e tamén recordan que deben lavarse a unha temperatura de entre 60 e 90 °C.

A Administración local recorda que se prioriza aos profesionais sanitarios na distribución de material EPI que se recibe cada semana por parte da Xunta de Galicia.

0.0990149974823