Piden ao Concello de Lugo a instalación dunha marquesiña na parada de autobús da Praza Agro do Rolo

Desde a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais de A Milagrosa trasladouse á Concellería de Mobilidade e Infraestruturas do Concello de Lugo a urxente necesidade de instalar unha marquesiña na parada de autobús situada na Praza Agro do Rolo, no corazón do barrio.
Actualmente, esta parada carece de calquera elemento que permita aos usuarios resgardarse da choiva, o vento ou o frío mentres agardan o autobús urbano. Esta situación afecta especialmente a persoas maiores, estudantes e veciños que utilizan diariamente o transporte público.
Segundo a asociación, existen condicións e espazo suficientes para colocar a marquesiña, o que melloraría notablemente a comodidade e seguridade de quen depende do transporte público na zona. Por iso, solicitan ao Concello que atenda esta demanda veciñal e proceda á instalación dun refuxio que garanta un servizo máis digno e adecuado para a cidadanía do barrio.