Piden incluir no catálogo de Patrimonio dúas novas mámoas descubertas en Xove

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Mariña Patrimonio vén de solicitar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a catalogación e protección de dúas novas mámoas  descubertas na parroquia da Rigueira, no Concello de Xove .
60793320_2349457781964279_4686917107965755392_o
10 Sep 2020

Mariña Patrimonio vén de solicitar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a catalogación e protección de dúas novas mámoas  descubertas na parroquia da Rigueira, no Concello de Xove .

Grazas á información facilitada por un profesor da zona, Mariña Patrimonio puido localizar no lugar de Corveira unha das mámoas máis monumentais da Mariña, que conta cuns 20m de diámetro e uns 2m de alto.

A plantación de eucaliptos, que se realizou recentemente sobre este monumento megalitico, deixou á vista parte da coraza pétrea que cobre a mámoa. Os citados labores forestais afectaron especialmente a parte superior da mámoa onde, a pesar de todo,  se aprecia claramente o cono de violación.

A mámoa de Corveira atópase nas proximidades da coñecida e excepcional mámoa de Guilan, descuberta por Mariña Patrimonio no ano 2017.

Por outra banda, Mariña Patrimonio descubriu no lugar de Labradela  o túmulo de Modia de Lamoso. Esta mámoa ten uns 14m de diámetro, apréciase o cono de violación e restos da coraza. Como acontece co túmulo de Corveira, este monumento está tamén afectado por unha plantación de eucaliptos.

Debido a que nos últimos tres anos a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural non atende as solicitudes presentadas por Mariña Patrimonio, son moitos os bens patrimoniais que quedan fóra do Catálogo e, polo tanto, desprotexidos. Por este motivo, a asociación achegou ao Concello de Xove outra solicitude para que inste á DXPC a catalogar e protexer estes dous novos monumentos megalíticos aparecidos no seu concello.

Excepcionalmente a mámoa de Guilán, descuberta por Mariña Patrimonio en 2017, figura no Catálogo de Bens Patrimoniais grazas a que nese momento a asociación decidiu presentar a solicitude a través doutra persoa. Porén, non correron a mesma sorte outros seis bens patrimoniais descubertos no mesmo ano e cuxas solicitudes asinou Mariña Patrimonio. Por iso, espera que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural remate co seu pueril boicot contra a citada asociación e cumpra coa súa obriga de catalogar e protexer o patrimonio.

60119725_2341693329407391_541049107725156352_n

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14669990539551