Piden que a Xunta arranxe os verquidos de augas existentes nos accesos ao barrio de Casás

LugoXa
Segundo Rubén Arroxo estes verquidos son provocados pola construción do aparcadoiro da Avenida Breogán
verquidos-aparcadoiro-da-Avenida-Breogán-Casás-Lugo
14 Apr 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reclamou á Xunta "que inicie canto antes" a reparación dos verquidos de augas existentes nos accesos ao barrio de Casás producidos pola construción do aparcadoiro da Avenida Breogán.

Arroxo afirmou que "esta obra creou problemas serios, impedindo o acceso a todo un barrio ao verter augas ao único acceso", e engadiu "a obra foi executada pola Xunta de Galiza, e é esta administración a responsable de eliminar os problemas creados ás veciñas e veciños".

A obra deixou os verquidos de augas directamente cara a un dos principais accesos ao barrio de Casás, o que impide que a veciñanza poida acceder ás súas vivendas especialmente en días de choiva.

Arroxo reclamou "premura" á Xunta "para poñer unha solución definitiva a esta situación antes de que a situación vista o pasado venres se repita".

Arroxo lembrou que a Xunta anunciou en outubro de 2024 que se ía realizar esta intervención. "Estamos xa en abril de 2025, e vemos como cada vez que chove o barrio de Casás queda incomunicado", explicou.

O tenente alcalde destacou que este problema "vense denunciando por parte da veciñanza desde o comezo das obras", e destacou que "é preciso reformular o tratamento das augas pluviais para que este investimento de máis dun millón de euros non supoña o illamento da veciñanza de Casás".

⚙ Configurar cookies
0.16821479797363