Pilar García Porto, alcaldesa de Antas de Ulla: “Quero seguir sendo para os meus veciños Pili de Antas”

GaliciaXa | LugoXa
Pilar García Porto leva catro anos á fronte da Alcaldía de Antas, un tempo no que se fixo un gran traballo para afrontar a débeda existente no concello, así como mellorar os servizos
Pilar-García-Porto-alcaldesa-Antas-de-Ulla
24 May 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.

A ideoloxía de esquerdas estivo sempre presente na miña casa desde pequena, sobre todo a través da miña nai, que era mestra do ensino público. Despois de marchar estudar e traballar fóra de Antas de Ulla, decidín volver e incorporarme a unha explotación cunícola para poder ampliala e crear unha empresa xunto co meu irmán. Cando estiven fóra, decateime de moitas carencias que había en Antas e tamén dun entorno político pouco aberto, polo que no ano 2007 iniciei un proxecto cun grupo de compañeiros e compañeiras, vinculada ao Partido Socialista, xa que era a ideoloxía na que fun criada na casa. Sempre tendo presentes eses valores do público, do que é de todos e todas, defendendo que todas as persoas debemos partir dun mesmo punto de inicio para que despois cada quen poida construír o seu propio camiño.

Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcaldesa?

Desde o ano 2007 levamos un grupo de persoas traballando intentando non crispar e traballando pouco a pouco pero sen pausa ata chegar ata aquí, hai xente que viña de etapas anteriores, outras que se incorporaron e intensificando o labor de oposición ata chega á Alcaldía no 2023.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Non me atrevo a falar de sacrificios, porque realmente non o son. Hai que afrontar este traballo como calquera outro, coa dedicación que require, sabendo que se traballa para os demais. Iso implica uns horarios máis abertos e unha maior dispoñibilidade en calquera momento.

E beneficios?

É reconfortante poder axudar as persoas no día a día e traballar cun equipo de profesionais como o que temos en Antas de Ulla. Creo que, máis alá do que cada quen pense ou sinta, todos compartimos unha vocación de servizo público, tanto desde a parte política como desde a parte técnica e funcionarial do concello. Para min, a clave é que todos somos de aquí, que sentimos un apego positivo polo noso concello e polo noso territorio, e iso é o que nos fai avanzar. O principal beneficio é ir solucionando cada pequeno problema, conseguir unha subvención para poñer en marcha aquilo que estaba parado ou arranxar cuestións que viñan de vello e que, por fin, están a ter solución, aínda que sexa con moito esforzo económico e moitas horas de dedicación. Son esas pequenas gratificacións do día a día: ver que non paralizas, senón que permites que as cousas avancen e mesmo impulsas ese avance.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Forma parte do día a día da miña vida. Desde que te ergues, tomas o primeiro café, ata que marchas para casa, calquera veciño que atopas precisa da túa complicidade cando necesita algo. Para min, compatibilizalo é doado porque xa vivo aquí. Neste momento colaboro na atención da miña nai, que é unha persoa dependente, e ata hai dous meses tamén o facía co meu pai, pero consigo compatibilizalo dando un paseo, falando cos veciños e coas familias. Desfruto de cada evento ao que podo asistir; é algo que fago na miña vida habitual porque me gusta, porque me gusta o que se fai no meu pobo.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

En política, eu non creo nos grandes obxectivos, e moito menos nos obxectivos a moi longo prazo. Si é certo que a Alcaldía de Antas era un obxectivo, non por min en primeira persoa, senón por unha necesidade que un equipo de persoas, a nivel social, víamos como necesaria, e así se constatou. Creo que unha parte importante da poboación valora positivamente ese cambio, máis alá de que non se poida facer absolutamente todo o que se desexa. Pero considero que está ben valorado e ese era o obxectivo. A nivel persoal, eu non ambiciono nada. Creo que a política sempre me deu moito máis do que pensei e do que ambicionei, e síntome afortunada de ter participado en todos e cada un dos cargos e procesos dentro do meu partido. Estou plenamente satisfeita con todo o aprendido e con todo o que me regalou a política.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

O primeiro que nos gustaría destacar é que, nestes catro primeiros anos, buscamos a estabilidade económica do concello. Fixemos unha procura moi importante de financiamento externo para poder afrontar o mantemento e a recuperación de moitas infraestruturas que estaban completamente abandonadas: estradas, ámbito urbano, infraestruturas relevantes como a Casa da Cultura, os espazos compartidos pola veciñanza e os locais sociais.

Tamén puxemos ao día todo o sistema de abastecemento de augas e estamos a facer un esforzo para mellorar a recollida do lixo. Pero os grandes obxectivos do próximo mandato para nós son catro.

O primeiro deles é unha aposta clara por fixar e atraer poboación a través do emprego, impulsando o turismo e o autoemprego. O turismo como fonte de xeración de emprego, e o autoemprego para todas aquelas persoas que queiran emprender, que xa emprenderon e desexen mellorar, desde unha explotación agraria grande ata un obradoiro, ou mesmo aquelas persoas que se sintan atraídas polo medio rural para establecerse aquí e poder teletraballar. Para iso, crearemos espazos adaptados que faciliten o traballo desde o propio concello e, así, tamén a vida no territorio.

Outro piar fundamental é a conciliación da vida laboral e familiar, que debe ser práctica e non pode supoñer un custo engadido para as familias, porque hoxe en día é máis caro vivir no rural que na cidade. Na aldea, para atender crianzas e persoas maiores, moitas veces é necesario contar cunha persoa dispoñible todo o día e con vehículo. Por iso, nós creamos espazos de lecer educativos e familiares para a infancia, pero tamén para as persoas maiores. O que buscamos é que as persoas en idade de traballar teñan a liberdade de conciliar na medida do posible.

Tamén queremos frear o deterioro asociado ao envellecemento a través de obradoiros e actividades que xa temos organizadas en varios puntos do concello para persoas maiores. No seguinte mandato imos facer unha aposta importante para avanzar nestas actividades e poñer a disposición un espazo específico para persoas con deterioro cognitivo. Actualmente contamos con dúas casas do maior que funcionan ben, pero non son axeitadas para este perfil, xa que están pensadas para persoas autónomas e con horario de luns a venres, e a outra alternativa son as residencias. Por iso queremos ofrecer tamén espazos de respiro, e ese é un dos retos pendentes para o próximo mandato.

Tampouco queremos descoidar a cultura, que é unha liña de arraigo fundamental para a sociedade. Xa creamos liñas de colaboración neste mandato, pero queremos seguir afondando nesa dirección.

Por último, tamén queremos seguir mellorando os servizos públicos para a veciñanza. Neste sentido, imos continuar avanzando para ser exemplares no mantemento das estradas, despois do gran esforzo realizado para renovar practicamente toda a rede viaria municipal. Tamén imos seguir traballando na recollida do lixo, co obxectivo dun concello sen contaminación, e no abastecemento de auga, buscando acadar a máxima calidade posible e chegar ao 100 % da poboación. Ademais, avanzaremos en saneamento, aínda que é unha área complexa porque na actualidade apenas existen axudas públicas para estas actuacións.

En urbanismo estamos agora co plan básico, que previsiblemente se materializará no seguinte mandato. Estas son as claves.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Nos concellos pequenos temos unha fonte de financiamento moi limitada, xa que contamos coas achegas do Estado, da Xunta de Galicia e o que recadamos a través dos impostos. Non temos moitas posibilidades de subir impostos porque temos que xogar coa atracción de poboación. Mantemos tamén taxas vinculadas ao emprendemento, especialmente no ámbito agrogandeiro, en niveis baixos para resultar máis atractivos. En materia de vivenda, no próximo mandato imos facer un esforzo importante para a recuperación de vivenda.

Por iso, a nivel de financiamento, considero que cada administración debe asumir as súas competencias na súa totalidade. Hai moitos servizos que os concellos pequenos estamos a prestar con axudas que conseguimos captar, pero para as que temos que adiantar moito diñeiro. É o caso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo imprescindible. Os concellos temos que adiantar o 100 % do seu custo. Contamos con arredor de 30 persoas traballando, cunha nómina moi potente que temos que adiantar mes a mes. A Xunta de Galicia debería anticipar ese 100 %, para que non sexa o concello quen estea a financiar o servizo. Tamén ocorre co Servizo de Atención Temperá, que está en Antas de Ulla pero que compartimos con Portomarín e Monterroso. Hai tres especialistas atendendo crianzas, e o concello de Antas ten que facer fronte a esas nóminas. A Xunta debería asumir e anticipar ese financiamento.

Outra cuestión importante é o canon da auga que se cobra a todos os veciños e veciñas. Debería repercutir parcialmente nos concellos, xa que son os que xestionan o servizo. Esa achega permitiría mellorar as traídas de auga e os sistemas de saneamento, de modo que unha parte da recadación quedase nos propios concellos.

De que proxectos se sente máis orgullosa?

Eu creo que, sen ser un proxecto concreto, si me sinto moi orgullosa, e todo o equipo de goberno, da capacidade que tivemos para afrontar os problemas económicos derivados dunha gran débeda que tiña o concello, por un lado por impagos, xa que había moitas cousas sen pagar. E despois, no relativo a obras, o abastecemento de augas e a recuperación do 100 % da rede de estradas municipais, que empregan os veciños para os seus desprazamentos. Tamén a creación de novos espazos para a cultura, como foi a Casa da Cultura. A apertura da Casa Cuartel tamén ás asociacións e aos colectivos culturais, onde ademais temos proxectos de futuro, e a recuperación da cuberta dun pavillón polideportivo, no que aínda queda traballo por facer pero no que seguimos a avanzar. E, por último, todo o relacionado coa conciliación das familias, tanto no referente á poboación infantil como ás persoas maiores.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?

Eu creo que os veciños o que teñen que valorar é que eu me considero unha veciña máis que ostenta a Alcaldía e que ten que traballar para mellorar o que é de todos. A min a xente coñéceme como Pili de Antas, e para os meus veciños quero seguir sendo Pili de Antas. Agora tócame traballar para eles, e ese é o meu compromiso.

Como é a súa relación coa oposición?

Temos unha relación cordial, non temos problemas, unha relación normal.

MÁIS DE PRETO

 

-Idade, estado civil e familiar

51 anos, divorciada e sen fillos pero son filla

-Profesión e formación

Técnico en hostalería e turismo pero decidín incorporarme á explotación do meu irmán e ese foi o meu retorno, preocúpame que a xente de Antas se teña que ir

-E se non o fose, que lle gustaría ser?

Veterinaria, pero escollín letras

-Que quería ser de maior

Veterinaria

-Que fai para desconectar?

Gústame moito estar na casa, saio a pasear, ver cine...

-Unha virtude e un defecto

Capacidade de traballo e serenidade para afrontar os problemas, non saber parar

-Un consello para compartir

Que cada un viva a vida no momento que poida facelo

-Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante

‘El nombre de la rosa’; a música pop dos 80; ‘Seven’

-Unha afección

Correr

-Un lugar que visitar

Exipto

-Unha comida e unha bebida

Auga ou cervexa, cocido, carne asada

-Unha personaxe admirada (viva ou morta)

Zapatero

-Unha posesión preciada

A miña vivenda

-Un desexo

Ter saúde, vivir feliz, ser feliz

-Algo para esquecer

Espero que pasen pronto os tempos convulsos que vivimos a nivel mundial

-Que é o que máis valora nunha persoa?

A honestidade

-Un desafío pendente.

Viaxar máis

-Onde se ve en cinco anos?

En Antas, seguro, non sei se na Alcaldía, pero aquí.

 

0.13051795959473