PM Friol organiza un maratón de fútbol 7 e un campionato de tute a próxima fin de semana

LugoXa | TerraChaXa
A proba deportiva disputarase no campo municipal da Reigosa e contará cun máximo de 24 equipos participantes
maraton-friol
7 Jun 2026

A entidade PM Friol organiza para os días 12, 13 e 14 de xuño un completo programa deportivo e de lecer que inclúe un maratón de fútbol 7 e un campionato de tute, dúas citas que se desenvolverán no municipio de Friol e que contan coa colaboración do Concello.

O maratón de fútbol 7 disputarase no campo municipal da Reigosa e contará cun máximo de 24 equipos participantes. A inscrición terá un custo de 175 euros por equipo, incluíndo o seguro. Os premios establecidos serán de 1.000 euros e trofeo para o equipo campión, 500 euros e trofeo para o segundo clasificado e 150 euros e trofeo para o terceiro e cuarto postos.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de xuño, mentres que o sorteo dos emparellamentos terá lugar o día 11. A organización advirte de que os premios poderán modificarse se o número de equipos inscritos é inferior a vinte.

Coincidindo co inicio do torneo de fútbol, o venres 12 de xuño celebrarase tamén un maratón de tute no campo de fútbol de Friol. A competición disputarase por parellas e a inscrición terá un custo de 40 euros por equipo. O sorteo realizarase ás 21.00 horas e o comezo das partidas está previsto para as 21.30 horas.

No apartado de premios, a parella gañadora recibirá 300 euros, mentres que a segunda e terceira clasificadas obterán 150 e 50 euros, respectivamente. Ademais, haberá premios de consolación consistentes en dúas botellas de Codorníu para os primeiros clasificados desta categoría, dúas botellas de Rioja para os segundos e dúas botellas de Mencía para os terceiros.

A organización tamén informa de que haberá petiscos polas mesas para os participantes e lembra que os premios poderán sufrir modificacións se o número de parellas inscritas é inferior a 24. As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a súa inscrición a través do teléfono 636 378 110.

0.1200909614563