Podemos Lugo reclama unificar nun único decreto as medidas para facer fronte á crise da vivenda

Podemos Lugo reclama ao Goberno central que reúna nun único decreto as medidas para facer fronte á crise da vivenda e que teña en conta as demandas do Sindicato de Inquilinas e as mobilizacións sociais que se están desenvolvendo estes días. A formación considera que a aprobación de dous textos diferenciados fragmenta a resposta institucional e defende que as reivindicacións do movemento de inquilinas formen parte dunha mesma iniciativa.
O primeiro dos decretos xa foi publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) e inclúe medidas relacionadas coa protección fronte aos desafiuzamentos, a regulación dos alugueiros temporais e por habitacións e a actualización das rendas. Pola súa banda, a renovación automática dos contratos quedaría vinculada a un segundo texto, unha separación que Podemos cuestiona.
Esta postura coincide coa que mantén a dirección estatal da formación. A súa secretaria xeral, Ione Belarra, reclamou que os dous decretos se tramiten conxuntamente no Congreso e instou o Executivo a escoitar tanto as mobilizacións sociais como as propostas do Sindicato de Inquilinas.
Entre as demandas deste colectivo figura o denominado decreto Maricarmen, que recolle medidas como a renovación automática dos contratos para garantir a súa continuidade, a conxelación dos prezos dos alugueiros, a regulación dos contratos temporais e por habitacións e unha moratoria dos desafiuzamentos que garanta unha alternativa habitacional.
A voceira de Podemos Lugo, Ximena Cheda, considera que as mobilizacións están trasladando ás institucións as demandas das persoas afectadas pola crise habitacional. "O clamor social que estamos vendo nas rúas non se pode ignorar. A acampada e as mobilizacións están poñendo enriba da mesa algo moi concreto: a vivenda é un dereito e hai que escoitar ás persoas que están organizándose para defendelo", sinala.
Cheda defende que o decreto Maricarmen sirva de referencia para incorporar as propostas do movemento de inquilinas á resposta institucional. Neste sentido, cuestiona a aprobación de medidas por separado e reclama que se atendan as demandas do colectivo. "Non queremos medidas cosméticas para aparentar que se responde ao problema da vivenda. Queremos que se escoite ao Sindicato de Inquilinas e que as reivindicacións que están levando á rúa formen parte dunha resposta política á altura do problema", afirma.
A formación tamén destaca a continuidade da acampada da Porta do Sol como expresión das protestas polo dereito á vivenda. O Sindicato de Inquilinas anunciou que manterá a mobilización ata conseguir a aprobación íntegra das medidas que recolle no decreto Maricarmen.
Desde Podemos Lugo consideran que o PSOE debe decidir se incorpora as demandas das mobilizacións a unha resposta conxunta ou se mantén a actual tramitación por separado. "O PSOE ten diante unha decisión política: escoitar o que está reclamando a rúa e avanzar nunha resposta integral ou limitarse a medidas parciais. Para nós, defender o dereito á vivenda significa estar do lado das persoas inquilinas e das súas reivindicacións", conclúe Cheda.