Pol homenaxeará a súa emigración o 24 de agosto cunha xornada de música, gastronomía e reencontros

O Concello de Pol volverá converter a Carballeira de Mosteiro no punto de encontro da súa diáspora o vindeiro 24 de agosto coa celebración da XLI Festa do Emigrante. A cita reunirá veciñanza, emigrantes e visitantes nunha xornada dedicada aos reencontros, á convivencia e ao recoñecemento das persoas que tiveron que desenvolver parte da súa vida lonxe da súa terra.
A programación comezará ás 13.00 horas cunha misa solemne e continuará ás 13.30 horas co pregón, que nesta edición pronunciará Manuel Abraira Fernández, veciño de Pol emigrado en México.
Ás 14.00 horas descubrirase unha placa conmemorativa co gallo do corenta aniversario da festa, un acto que servirá para poñer en valor a historia e a continuidade desta celebración. A continuación, ás 14.15 horas, terá lugar a sesión vermú amenizada polo grupo Stereo.
O tradicional xantar popular celebrarase ás 15.00 horas na Carballeira de Mosteiro, mentres que ás 16.30 horas haberá xogos infantís, tradicionais e creativos organizados por Vincolea para o público máis novo.
A programación pecharase coa verbena das 23.00 horas, que contará coa participación das orquestras Stereo e Triunfo.
A Festa do Emigrante está organizada polo Concello de Pol coa colaboración dos Empresarios de Pol e da Deputación de Lugo, mantendo viva unha celebración que cada verán serve para fortalecer os vínculos entre o municipio e as persoas que un día tiveron que marchar.