Ponse en marcha un novo obradoiro dual de emprego entre As Nogais, Baralla e Becerreá

A Xunta de Galicia destina 492.500 euros á sétima edición do obradoiro dual de emprego Vía Künig, presentado este venres e que comezará o vindeiro luns nos municipios das Nogais, Baralla e Becerreá. O programa permitirá formar a 20 persoas desempregadas na especialidade de Revestimentos con pastas e morteiros en construción e inclúe incentivos para favorecer a súa contratación en empresas locais unha vez rematados os nove meses de formación.
Estas iniciativas combinan emprego e aprendizaxe práctica mediante a execución de obras e servizos de interese social. Neste caso, os participantes desenvolverán actuacións de mellora e acondicionamento en distintas infraestruturas públicas dos tres concellos implicados.
Nas Nogais levaranse a cabo traballos de mellora en Nullán, tanto na praza como no muro de peche da contorna da igrexa, ademais de actuacións na drenaxe lateral da igrexa de Santa María Magdalena e no muro da igrexa de Torés.
No municipio de Baralla acometerase o acondicionamento da área recreativa e a reposición de muros de peche nos camiños de Vilanova e Escobio. Pola súa banda, en Becerreá habilitarase un local para arquivo na nova Casa do Concello e reformarase a planta baixa do edificio municipal de usos múltiples, entre outras intervencións previstas.
Ademais, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicou recentemente unha segunda convocatoria de obradoiros duais para o bienio 2026-2027, dotada con 8,2 millóns de euros. Esta nova liña permitirá ampliar o número de concellos e persoas beneficiarias. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 26 de xuño.