Ponse en valor o traballo das agrupacións e colectivos que fan posible o San Froilán 2026

LugoXa
Representantes de entidades e formacións locais participaron nunha foto de familia antes da apertura este sábado das casetas do polbo e das barracas
agrupacións-Lugo-San-Froilán-22026
25 Sep 2026

Representantes de diferentes agrupacións, formacións e colectivos locais que participarán na programación do San Froilán 2026 reuníronse esta tarde diante da Casa do Concello para participar nunha foto de familia e poñer en valor o seu traballo e implicación na celebración das festas da cidade.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, agradeceulles a súa contribución á vida cultural da cidade ao longo de todo o ano e, especialmente, o seu compromiso co San Froilán, unha celebración que, segundo destacou, se constrúe coa participación da propia cidade.

"O San Froilán é patrimonio inmaterial de Lugo e é así grazas ao traballo de moitas persoas, agrupacións e colectivos que durante todo o ano manteñen viva a nosa cultura e que, cando chegan as festas, se implican e participan para facelas posibles", sinalou Candia.

Neste sentido, a rexedora subliñou que "o San Froilán non o fai só o Concello", senón que cobra sentido coa participación da cidadanía e das entidades locais.

"Queremos un San Froilán para todos e iso significa tamén contar coas agrupacións e colectivos de Lugo, que son unha parte fundamental das nosas festas. Queremos agradecerlles a súa colaboración e a súa implicación, porque detrás de cada proposta hai moito traballo e moitas horas dedicadas á cultura", engadiu.

O ambiente festivo comezará a percibirse xa esta fin de semana coa apertura, este sábado 26 de setembro, das casetas do polbo e das barracas do recinto feiral, que permanecerán abertas ata o 1 de novembro.

0.15314817428589