Ponte de Outeiro inicia o venres unhas festas diferentes
A comisión de festas de Ponte de Outeiro, en Castro de Rei, inicia mañá, venres, as súas festas patronais, que se prolongarán ata o 12 de setembro, cun contido moi diferente ao habitual, condicionado pola covid.
Así, a programación iniciarase ás 20.00 horas, coa actuación de Andrea Méndez en concerto. Será no campo da festa.
Ao día seguinte, ás 19.00 horas, abrirá unha mostra de imaxes do pobo que foron recollidas durante estes días previos entre todos os veciños. A mostra estará situado no campo da festa e será previa ao concerto que terá lugar ás 20.00 horas a cargo de Quinteto 555. As dúas citas serán tamén no campo da festa da parroquia.
Finalmente, o domingo haberá misa solemne con música en directo a partir das 13.00 horas para continuar con pasarrúas con gaiteiros.
Este programa, no que se cumprirá con todas as medidas de seguridade sanitaria, está deseñado para evitar a propagación do virus.