Ponte nas Ondas celebra no Vello Cárcere unha xornada centrada na radio escolar e o patrimonio cultural

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas desenvolveu en Lugo unha xornada especial no Auditorio do Vello Cárcere, enmarcada na celebración do 30 aniversario da iniciativa, despois dunha colaboración que cualifican como frutífera o pasado ano.
Durante a actividade púxose o foco na importancia da radio escolar como ferramenta educativa e no seu papel na preservación e difusión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. A proposta forma parte dunha maratón radiofónica que se está a realizar de maneira simultánea en distintos puntos de Galicia e Portugal, cunha participación que en Lugo reúne arredor de 250 persoas entre alumnado e profesorado.
Nesta edición participan un total de 86 centros educativos procedentes de 50 concellos de Galicia e Portugal, que toman parte nunha nova xornada radiovisual interescolar. A programación inclúe unha ampla variedade de formatos elaborados polos propios centros, con emisións en directo que combinan entrevistas, actuacións, performances, programas tipo magacín, intervencións literarias, teatro ou danza.
Un dos aspectos destacados da iniciativa é a participación de persoas e comunidades portadoras de patrimonio, que achegan os seus coñecementos e realizan demostracións en vivo, contribuíndo á transmisión directa de saberes e tradicións no propio espazo radiofónico e audiovisual.