Pontón advirte que o BNG responderá nas urnas á moción de censura do Partido Popular en Lugo

GaliciaXa | LugoXa
A portavoz nacionalista acusa aos populares de “deriva antidemocrática” e de antepoñer o poder á cidade nunha iniciativa que cualifica de "ilexítima e indecente"
BNG-Lugo-Ana-Pontón
6 May 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, estivo en Lugo acompañada polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo, na véspera do pleno municipal no que se consolidará a moción de censura impulsada polo PP e apoiada polo voto da concelleira non adscrita, María Reigosa, considerada "tránsfuga", unha operación que os nacionalistas cualifican de “antidemocrática, indecente e ilexítima”.

Na cidade amurallada, Pontón lanzou unha advertencia directa ao Partido Popular e ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao asegurar que “Lugo non paga traidores” e que será a cidadanía quen o demostrará nas próximas eleccións municipais, cando, segundo afirmou, volverá decidir libremente quen debe ocupar a Alcaldía.

A líder do BNG sostivo que esta moción evidencia que o PP está disposto “a todo para facerse co poder”, nunha deriva que cualificou de antidemocrática e na que, ao seu xuízo, non existe ningún interese pola cidade, senón unicamente “o poder polo poder”. Pontón chegou a afirmar que o que está en marcha supón “corrupción política”, ao considerar que se están a empregar recursos públicos e a compra de vontades nun proceso que, segundo denunciou, inclúe ata a utilización política dunha situación na que faleceron tres persoas.

Preguntouse tamén por que a censura se produce agora, a un ano das municipais, e respondeu que o PP constatou que non lle daban as contas e recorre a “malas artes” políticas, mesmo ignorando os seus propios estatutos e tentando normalizar o transfuguismo, práctica que a súa normativa interna cualifica como moi grave.

Pontón criticou ademais os 17 anos de goberno popular en Galicia, asegurando que deixaron unha comunidade “en pequeno”, fronte ao avance que, segundo defendeu, se produce nos concellos gobernados polo BNG, citando o caso de Lugo con Rubén Arroxo como exemplo de xestión diferente.

A portavoz nacionalista enumerou proxectos que, segundo denunciou, quedaron paralizados polo PP, como a recuperación da Tinería, o Museo da Romanización ou actuacións do Plan Paradai, ademais de fondos procedentes de Augas de Galicia que non se destinaron á cidade.

O BNG, asegurou, continuará traballando “por e para os veciños e veciñas”, convencido de que Lugo “merece máis” e de que a cidadanía responderá nas urnas ao que considera unha operación política sen lexitimidade democrática.

A preguntas dos medios, Pontón criticou tamén que o PP ataque á cidadanía que expresa a súa indignación por unha decisión que, ao seu xuízo, pretende “comprar unha Alcaldía nos despachos” que non se decidiu nas urnas hai tres anos.

Concluíu afirmando que os lucenses devolverán ao PP á oposición e que a cidade recuperará o seu impulso, insistindo en que “Lugo non paga traidores” e que a dignidade da cidade se impoñerá nas eleccións.

Pola súa banda, Rubén Arroxo sinalou o malestar existente entre a veciñanza, incluíndo votantes do PP, ante unha moción que cualificou de antidemocrática e ilexítima. Advertiu ademais da incerteza que xera na cidade, xa que varios proxectos xa planificados quedan nun “limbo” sen futuro claro, o que preocupa a investidores e á actividade económica.

Arroxo engadiu que Lugo viviu nos últimos anos "unha gran transformación, superando por primeira vez os 100.000 habitantes e acadando récords en turismo", polo que considerou negativa esta situación para unha cidade que, segundo afirmou, estaba a avanzar con forza.

A pesar da inestabilidade, o tenente de alcalde tamén quixo transmitir unha mensaxe de esperanza, asegurando que quedan doce meses para devolver a dignidade a Lugo e que seguirán traballando para conseguilo.

OLALLA RODIL NO PARLAMENTO GALEGO

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Olalla Rodil, denunciou no Parlamento o que definiu como unha “moción indecente” impulsada polo Partido Popular no Concello de Lugo e apoiada co voto dunha concelleira tránsfuga, asegurando que detrás desta operación non existe un proxecto de cidade, senón intereses partidistas e pactos que cualificou de escuros.

Rodil acusou o PP de “mercar o voto e a sinatura” da concelleira tránsfuga, empregando, segundo a súa versión, recursos da Xunta de Galicia co obxectivo de facerse co goberno municipal “pola porta de atrás”, sen que llo outorgasen as urnas.

A deputada nacionalista puxo o foco nunha praza creada na Xefatura do Litoral de Lugo, afirmando que se xustificou cunha suposta renuncia dunha persoa que, segundo asegurou, non abandonara o posto. Preguntouse publicamente polas razóns desa decisión e acusou á Xunta de falta de transparencia na tramitación.

Rodil mesmo deu lectura a unha mensaxe vinculada á creación desa praza, na que se cuestionaba o movemento administrativo e a necesidade de substitución, interpretándoo como exemplo de prácticas que cualificou de “caciquismo” e de supostos “chanchullos” do PP.

A parlamentaria advertiu de que o acontecido en Lugo non sería un feito illado, senón parte dun patrón de actuación do Partido Popular, e lembrou outro caso en Sarria no que, segundo afirmou, se terían empregado recursos públicos para influír na reorganización política local con vistas a futuros procesos electorais.

Rodil concluíu criticando o que considera unha degradación da práctica política do PP e asegurou que “Lugo non se compra”, insistindo en que nin a cidade nin a súa veciñanza están en venda e que así o demostrarán fronte a este tipo de operacións políticas.

0.12234711647034