Pontón pide concentrar o voto no BNG para evitar que Altri volva ser unha ameaza para A Ulloa

Ana Pontón pediu este sábado en Palas de Rei concentrar o voto galego no BNG para impedir que o proxecto de Altri poida reactivarse tras as eleccións do 29 de novembro. A portavoz nacional do Bloque participou nun acto xunto á cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, no que reivindicou a mobilización social que conseguiu frear a macrocelulosa e advertiu de que a batalla aínda non está pechada.
'A papeleta do PP é a de Altri, a do BNG é a de Non a Altri', afirmou Pontón, que acusou a Xunta de manter vivo o proxecto e de buscar a posibilidade de recuperalo cando as circunstancias políticas sexan favorables. Por iso, chamou a trasladar ás urnas a oposición expresada durante anos nas rúas.
A líder nacionalista destacou o papel da Plataforma Ulloa Viva e das mobilizacións cidadás contra a instalación industrial, que cualificou como un exemplo de defensa do territorio. Lembrou as grandes manifestacións e as numerosas accións de protesta que, segundo sinalou, foron determinantes para paralizar o proxecto.
Pontón reivindicou tamén a actuación do BNG no ámbito institucional, desde os concellos ata o Parlamento Europeo, e defendeu que a oposición a Altri forma parte da historia recente de Galiza. Fronte ás críticas do PP, que etiqueta os nacionalistas como 'os do non', respondeu que están orgullosos de rexeitar a macrocelulosa e outros proxectos que consideran prexudiciais para o territorio.
A portavoz nacional do BNG vinculou a oposición a Altri coa defensa do río Ulla, a ría de Arousa, o sector marítimo e o futuro de Galiza. Tamén criticou a xestión do PP na Xunta e lembrou as mobilizacións contra os recortes en sanidade e educación, as dificultades para acceder á vivenda e a emigración xuvenil.
Pontón pediu á militancia mobilizarse durante a campaña para que o apoio social que, segundo afirmou, existe nas rúas se converta nun respaldo electoral ao BNG. O obxectivo, sinalou, é conseguir que Olalla Rodil sexa a primeira deputada nacionalista por Lugo e leve ao Congreso a defensa da comarca da Ulloa.
Rodil, pola súa banda, reclamou o voto para que Galiza e Lugo conten cunha voz firme en Madrid. A candidata destacou o carácter combativo e a conciencia ambiental da poboación galega e asegurou que a loita contra Altri foi tamén unha defensa da vida, da auga e do futuro do país.
A cabeza de lista por Lugo lembrou outras mobilizacións históricas en Galiza, como a oposición á central nuclear de Xove, a loita contra o encoro de Navia, o conflito das Encrobas, as protestas contra a AP-9, Nunca Máis e as mobilizacións contra o espolio eólico.
O candidato do BNG pola Coruña, Néstor Rego, advertiu de que o proxecto de Altri podería reactivarse cun Goberno do PP e a ultradereita, mediante axudas públicas ou cambios na planificación enerxética. Rego acusou o PP de ter centrado a súa política industrial en promover a macrocelulosa e defendeu que o BNG é a única forza que garante o seu rexeitamento.