Portomarín abre o prazo para solicitar os programas de conciliación "Tardes Lúdicas" e "Servizo Madrugadores"

O Concello de Portomarín mantén aberto o prazo de inscrición para os programas de conciliación familiar "Tardes Lúdicas" e "Servizo Madrugadores", dúas iniciativas destinadas a facilitar a organización das familias fóra do horario lectivo durante o curso escolar 2026/2027.
O programa "Tardes Lúdicas" está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos e desenvolverase de luns a venres entre as 14.50 e as 19.30 horas no Espazo Xuvenil. A actividade contará con 20 prazas dispoñibles e dará comezo o vindeiro 9 de setembro.
Pola súa banda, o "Servizo Madrugadores" permitirá ás familias dispoñer dun recurso de conciliación antes do inicio das clases. O servizo funcionará de luns a venres entre as 7.30 e as 8.55 horas no CEIP Virxe da Luz e está destinado a menores de entre 3 e 12 anos matriculados neste centro educativo. Nesta modalidade ofertaranse 10 prazas.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o martes 1 de setembro. Ambos os programas comezarán a prestarse o 9 de setembro coincidindo co inicio do novo curso escolar.