Portomarín acolle a quinta edición do BeerFest con 13 produtores internacionais

LugoXa
O festival aposta pola diversidade de cervexas, viños e sidras con actividades e catas especiais na ponte de maio
Presentación-do-5º-BeerFest-Portomarín-2026
27 Apr 2026

A quinta edición do Portomarín BeerFest celebrarase esta fin de semana da ponte de maio no municipio de Portomarín, cun programa que reunirá un total de 13 produtores internacionais entre cervexa artesanal, viños e sidra. O evento conta co apoio da Deputación de Lugo, que achega 3.000 euros para a súa organización.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou o respaldo continuado da institución a unha cita que, segundo sinalou, “se reinventa cada ano e medra na súa proposta”, subliñando o seu potencial como atractivo turístico vinculado ao Camiño de Santiago e como elemento diferenciador para o concello. Tamén puxo en valor a ampliación da oferta do festival, que incorpora produtos como sidra e viño para reforzar a posta en valor da produción local.

Pola súa parte, o organizador Manuel Pombo agradeceu o apoio da Deputación, que cualificou como clave para a consolidación do BeerFest, xa convertido nun referente no norte de Portugal e de España. Como novidade desta edición, avanzou a incorporación da actividade “Tolemia Pura”, unha cata pechada con degustación libre durante dúas horas xunto aos produtores, cuxas prazas se esgotaron en poucos días.

O público poderá degustar cervexas procedentes de países como Bélxica, Escocia, Portugal, Francia, Hungría ou Polonia, acompañadas de propostas gastronómicas e programación musical ao longo das xornadas.

O evento contará con marcas internacionais como Funky Fluid e Tankbusters (Polonia), Gross (País Vasco), Joint (Madrid), Gekko (Francia), Salama (Finlandia), Solpor (Galicia) ou Seven Island (Grecia), entre outras.

Ademais, haberá un espazo específico dedicado a produtos fermentados, con sidras como Serps (Cataluña) e Raia (Galicia), e viños de Xorex e Xénese (Galicia) e La Natural (Cataluña), reforzando así a aposta pola diversidade e pola produción artesanal.

0.13964200019836