Portomarín acolle o I Festival de Habaneras do Camiño o 29 de xuño

LugoXa
A iniciativa está organizada pola Coral de Portomarín, co apoio do Concello de Portomarín e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
Praza-do-Camiño-Portomarín
7 Jun 2025

A música coral será a gran protagonista en Portomarín o vindeiro 29 de xuño de 2025, coa celebración do I Festival de Habaneras do Camiño na Praza do Camiño a partir das 19:30 horas. A iniciativa está organizada pola Coral de Portomarín, co apoio do Concello de Portomarín e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O festival contará coa participación de destacadas formacións corais de Galicia. Xunto coa Coral de Portomarín, anfitrioa do evento, actuarán a Coral Polifónica do Ulla, a Coral Polifónica de Meira e a Rondalla de Cedeira. Cada grupo ofrecerá un repertorio baseado en habaneiras, un xénero tradicional cargado de sentimento e fonda pegada cultural, especialmente vinculado ás costas e á emigración galega.

Este primeiro encontro coral enmárcase dentro dunha aposta por dinamizar a vida cultural do municipio e por poñer en valor o Camiño de Santiago como eixo de intercambio artístico e humano. Desde a organización convídase tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a gozar dunha velada única nun escenario tan emblemático como é a Praza do Camiño, no corazón de Portomarín.

Con entrada libre e dirixido a todos os públicos, o I Festival de Habaneras do Camiño perfílase como unha cita imprescindible para as persoas amantes da música tradicional e da expresión coral, consolidando a Portomarín como punto de referencia cultural no calendario estival da provincia de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.20839810371399