Portomarín celebrará este venres a Festa dos Maios coa saída do maio polas rúas da vila

A Asociación Río Miño de Portomarín organiza este venres 1 de maio unha nova edición da tradicional Festa dos Maios, unha celebración popular que volverá encher as rúas da vila de música, cantos e baile.
Os actos comezarán ás 18.00 horas coa saída do maio polas rúas de Portomarín, acompañado por actuacións musicais e danzas, nun percorrido que busca manter viva unha das tradicións máis singulares do calendario festivo galego.
Segundo explican desde a organización, a orixe desta celebración podería remontarse ao Neolítico como unha forma de agradecer á natureza as colleitas e a fertilidade da terra. Aínda que no pasado estivo moi estendida por todo o territorio galego, na actualidade consérvase só en zonas concretas.
Entre eses lugares destaca Portomarín, especialmente pola continuidade da tradición dos maios humanos, unha expresión cultural característica da localidade. Desde a Asociación Río Miño subliñan a importancia de seguir impulsando esta celebración para preservar o patrimonio inmaterial e transmitirlo ás novas xeracións.