Portomarín celebrará os III Cantos de Taberna e a VII Foliada o 12 de xullo

A música tradicional e o espírito festivo regresan a Portomarín o sábado 12 de xullo coa celebración dos III Cantos de Taberna e a VII Foliada, unha xornada que promete encher as rúas da vila de ritmo, sabor e tradición.
O evento está organizado pola Asociación Cultural Río Miño de Portomarín, coa colaboración do Concello da localidade.
A actividade dará comezo ás 18:00 horas e prolongarase “ata que o corpo aguante”, segundo anuncian os organizadores, que avanzan que os horarios máis concretos se comunicarán a medida que se achegue a data.
O programa inclúe os tradicionais Cantos de Taberna, nos que diferentes grupos animarán os bares e rúas con cancións populares, ademais dunha cea popular, foliada libre e o sempre espectacular conxuro da queimada, un ritual máxico que combina música, lume e tradición galega.
Os grupos interesados en participar deben realizar a súa inscrición entre o 1 e o 21 de xuño, tendo preferencia aqueles que non participaran en edicións anteriores.
O evento, que xa se consolida como unha cita destacada no verán cultural de Portomarín, busca fomentar a música tradicional galega e a convivencia entre veciños e visitantes nun ambiente festivo e participativo.